publicidade hoxe

Os rexedores da Laracha, Malpica e Cee propoñen unha segunda bonificación no prezo do solo nos parques empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCeeLocal PortadaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Reunión Sepes

Reunión Sepes

Os alcaldes dos Concellos da Laracha –Jose Manuél López Varela- e de Malpica de Bergantiños –Eduardo Parga- e a alcaldesa de Cee –Zaira Rodríguez- mostráronse satisfeitos trala reunión mantida esta mañá en Madrid coa Directora xeral de Entidad Pública Empresarial de Suelo (Sepes), Lucía Molares, na que lle expuxeron a súa proposta de aplicar unha nova bonificación nos prezos do solo nos polígonos industriais.

Na xuntanza, que se prolongou por espazo de dúas horas e media, analizouse a situación actual dos parques empresariais públicos dos tres municipios, todos eles urbanizados e xestionados por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), entidade da que a propia Lucía Molares é presidenta ao estar participada maioritariamente polo Ministerio de Fomento do Goberno de España e, minoritariamente, pola Xunta de Galicia e Abanca.

Os tres rexedores municipais consideran clave que se reduza o prezo do solo nos polígonos industriais para facilitar que as empresas que mostraron o seu interese por implantarse nos mesmos poidan tomar a decisión de investir e desenvolver a súa actividade na Laracha, Malpica de Bergantiños ou Cee. Consideran, ademais, que flexibilizar a adquisición das parcelas en venda é actualmente esencial para ser máis competitivos ante as bonificacións que está a aplicar Xestur nos parques empresariais que xestiona.

Lucía Molares adiantou que en próximas datas convocará ao Consello de Administración de SEA para estudar as posibilidades de redución de prezos e, de ser o caso, tomar as medidas oportunas ao respecto.

Esta non é a primeira ocasión na que os alcaldes da Laracha, Malpica de Bergantiños e Cee acoden conxuntamente a Madrid para entrevistarse coa Directora xeral de Sepes e presidenta de SEA. Trala última reunión que mantiveron con Lucía Molares, SEA iniciou un procedemento de licitación para a venda de parcelas que contemplaba bonificacións no prezo do solo de ata o vinte e cinco por cento. Neste ocasión agárdase que as medidas que se tomen ao respecto sexan o impulso definitivo que as empresas precisan para decidirse a investir.

24 de febreiro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.