publicidade hoxe

Os produtos auténticos como a filloa consolidan Galicia como destino único

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónCalendarioLocal Portada
A-
A+
Nava Castro na presentación da Festa da Filloa de Lestedo. Foto: X. Crespo

Nava Castro na presentación da Festa da Filloa de Lestedo. Foto: X. Crespo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Boqueixón, Jesús Sanjuás, presentou hoxe en Santiago a Festa da Filloa de Lestedo. Este festexo, que pon en valor un dos produtos máis auténticos de Galicia, conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008 en recoñecemento á súa tradición, á singularidade de utilizar unha filloeira artesanal e ao feito de que todo o pobo participe desta celebración.

Así, o 22 de febreiro, a localidade de Boqueixón acollerá unha nova edición desta festa, unha das primeiras exaltacións gastronómicas deste manxar galego.

Un ano máis, a celebración non terá só carácter gastronómico, de xeito que todos aqueles que visiten Lestedo nesta xornada poderán disfrutar dos “Xenerais”, as personaxes máis típicas do Entroido desta zona e unha antiga tradición da comarca do Ulla, as actuacións das charangas, os grupos de gaitas e as orquestras.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia, resaltou o traballo do centenar de veciños que fai posible ofrecer as filloas ás miles de persoas que todos os anos acoden a Lestedo a festexar esta celebración.

Ademais, Nava Castro destacou que a Festa da Filloa se converte no reclamo perfecto para coñecer esta localidade da provincia da Coruña na que, segundo explicou, se pode visitar o Pazo de Oca, as cataratas do río Toja ou mosteiro de Carboeiro, entre outros moitos lugares únicos. Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou outro dos grandes atractivos de Lestedo, o Pico Sacro, dende onde se divide o Val do Ulla e Santiago de Compostela. “Unha das montañas máis coñecidas de Galicia que marca a última etapa da Vía da Prata”, sinalou Nava Castro. “Todos estes recursos e moitos máis acompañan a esta cita gastronómica e convértense na oferta complementaria dunha zona de Galicia que ten moito que ofrecer”, afirmou a directora de Turismo.

Firme aposta polas festas de exaltación de produtos enogastronómicos

Nava Castro explicou que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, son un recurso que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia afirmou que, ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais. “Por todo isto fomentamos a súa difusión e promoción”, sinalou Nava Castro.

Neste senso, explicou que unha das actuacións que inclúe o Plan Integral de Turismo de Galicia é a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade.

“As celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino ocupan un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego”, incidiu a responsable de Turismo.

“Esta nova edición da Festa da Filloa é unha mostra máis de que conservar as nosas tradicións, o noso xeito de vivir e disfrutar de Galicia, é o que nos fai un destino único”, concluíu Nava Castro.

9 de febreiro de 2015 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.