Os participantes de Máis que comercio! en Monforte elixen Doble M como o seu establecemento favorito
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, pechou hoxe en Monforte a campaña de dinamización da Consellería de Economía e Industria Centros comerciais abertos. Máis que comercio, e que se desenvolveu no Centro Comercial Aberto (CCA) da localidade.
A iniciativa, que se desenvolveu durante o pasado mes de decembro, pretendía impulsar as vendas do comercio de proximidade do CCA monfortino premiando a confianza e fidelidade da súa clientela. Tratábase dun dobre concurso: os clientes tiñan que votar o seu establecemento favorito, que resultou ser Doble M, e, ao tempo, participaban no sorteo de tres tarxetas regalo, unha por importe de 200 euros e dúas de 100 euros, que poderán canxear agora no comercio local.
Este concurso organizouse en colaboración co CCA, que estivo representada no acto de hoxe pola súa presidenta, María José Senra.
Durante o acto de entrega de agasallos ós gañadores, Raquel Arias subliñou que iniciativas “sinxelas” coma esta contribúen a animar a actividade do pequeno comercio, “verdadeiro motor económico dos pobos”, e o incremento desa actividade comercial contribúe, á vez, a dinamizar a “vida das nosas vilas e cidades”.
“Unha cousa leva á outra e todos saímos gañando: os comercios, os clientes e a cidade no seu conxunto”, dixo. Neste contexto, lembrou que a Xunta de Galicia leva desenvolvido moitas e diversas actuacións encamiñadas precisamente a promover a actividade comercial nas nosas vilas e cidades.
Así, a Xunta, “consciente da importancia da actividade comercial como motor de desenvolvemento económico e do seu papel dinamizador de cidades e pobos” segundo resaltou, puxo en marcha de novos programas de axudas encamiñadas a impulsar as zonas comerciais, mercados, prazas de abastos, espazos de comercio non sedentario e centros comerciais abertos.
En concreto, a Consellería de Economía e Industria, habilitou unha partida orzamentaria de 2,2 millóns de euros para a dinamización dos centros comerciais abertos e das asociacións de praceiros. As axudas, cuxo importe máximo ascende a algo más de 40.000 euros e terán que estar solicitadas antes do vindeiro venres, día 13, están encamiñadas á dinamización comercial, a implantación de sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outras actuacións.
Na última convocatoria, afirmou, o CCA de Monforte recibiu 33.000 euros de subvención para impulsar este tipo de iniciativas.
A Consellería tamén adica preto de tres millóns de euros para que os concellos poidan mellorar as prazas e mercados municipais; terán ata o vindeiro día 23 de prazo para solicitar as axudas.
As actuacións susceptibles de ser obxecto de subvención, por un importe tope de 150.000 euros, abarcan dende reparación, modernización e remodelación das instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas ata mellora do consumo de recursos enerxéticos, redución de residuos ou mellora da calidade e da imaxe comercial. Os concellos que os desenvolvan deberán poñer en marcha tamén iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, ten como obxectivo aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
As actuacións que teñan como finalidade a dinamización e rexeneración das prazas para atraer novos consumidores recibirán axudas de ata 3.000 euros mentres que para aqueles proxectos de actuación que pretendan peonizar o semipeonizar rúas ou zonas contiguas ás prazas de abastos a axuda pode chegar ós 80.000 euros, e a mellora de espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica ou ambulante poden recibir ata 30.000 euros.
Por último, a delegada informou de que mañá mesmo está previsto que se publique no DOG unha nova convocatoria para impulsar a modernización e a innovación dos comercios dotada con 2,5 millóns de euros; igualmente, haberá apoios para o relevo xeracional.











