Os oito focos de apoio á iluminación en Rey Daviña xa están operativos
Os peóns que pasen por Alcalde Rey Daviña despois da posta de sol advertirán unha notable mellora na iluminación da rúa. O Concello rematou de colocar esta semana oito focos led para apoiar as luminarias existentes, instaladas co proxecto de peatonalización e que ofrecían pouca luz.
O departamento de Electricidade, dependente da Concellería de Obras e Servizos, foi o encargado de acometer a mellora atendendo ao feito obxectivo da escasa luz que existía polas noites e ás demandas veciñais e dos comerciantes e hostaleiros da zona neste mesmo sentido.
Os focos instalados son de lámpadas led, polo que consumen menos enerxía que os convencionais. Colocáronse nas fachadas dos edificios, aproveitando os puntos de conexión de luz que existían antes das obras de peatonalización, intercalándose no tramo comprendido entre a Praza da Constitución e o cruce con Ramón e Cajal.











