Os nenos ingresados en Povisa gozarán dunha canle infantil de televisión

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A canle de televisión FAN3 da Fundación Atresmedia, o primeiro en España dirixido a nenos e adolescentes hospitalizados, comezou a emitirse en Povisa co obxectivo de axudar aos menores a pasar unha estanza hospitalaria o máis entretida posible, así como a fomentar entre eles hábitos saudables e contribuír a que comprendan mellor a situación que están a pasar cunha linguaxe apropiada e a través de programas educativos, culturais, sanitarios e de entretemento -series e debuxos animados-.

Os contidos, supervisados pola Asociación Española de Pediatría e o Colexio Oficial de Psicólogos de España, difúndense durante 12 horas diarias de luns a domingo -dende as 09:00 h. ata as 22:00 h. – e sen publicidade. Dende o seu cuarto, os nenos poden informarse sobre a enfermidade que padecen e o proceso que leva consigo estar ingresado nun hospital, pero tamén divertirse coa emisión de series tan popular como Heidi, Érase una vez el hombre, Las Supernenas ou Lizzie Mcguire, e con contidos de produción propia entre os que destacan Sabías que?, Aprende Magia, Te leo mi cuento ou Como estás hoy?, no que os personaxes máis populares do grupo Atresmedia transmiten mensaxes de ánimo aos mozos.

Visitas de famosos aos nenos

Esta canle forma parte do programa de Asistencia Hospitalaria da Fundación Atresmedia, que tamén comezou a funcionar en Povisa e inclúe outras accións que se levarán a cabo dentro do hospital, como a visita de personaxes coñecidos do mundo do cine, a televisión, a música ou o deporte, os cales entreterán aos nenos e lles inculcarán bos hábitos e valores sociais. Ademais, fomentarase a lectura con actividades preparadas para o Día do Libro, e está previsto que se celebre de forma especial o Día da Minusvalidez para promover a integración dos mozos con minusvalías.

O obxectivo deste programa da Fundación Atresmedia, que xa colabora con 130 hospitais de toda España, é que os pacientes máis novos de Povisa, ademais de sentirse acompañados en todo momento, transmitan tamén sensacións positivas aos seus pais ou familiares, xerando un ambiente de optimismo que se pode traducir nun cambio positivo de conduta fronte aos tratamentos e na convivencia con outros nenos ingresados e o persoal sanitario.

3 de febreiro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.