Os nenos de Mos aprenden a facer unha compra sa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Explicacións aos cativos de como facer unha compra sa

Explicacións aos cativos de como facer unha compra sa

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, acompañaron a semana pasada ós 20 nenos e nenas alumnos do CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda á sesión formativa sobre alimentación saudable que se desenvolveu primeiramente no centro educativo para, de seguido, desprazarse ata as instalacións do supermercado Eroski na Avenida de Sanguiñeda.

Esta actividade, baixo o título de ‘Visita o teu súper’, é unha iniciativa organizada pola concellería de Educación mosense e está enmarcada dentro do programa de alimentación saudable en Educación Primaria.

As visitas ó Eroski comezaron o pasado día 8 de xaneiro, continuando o día 29, así coma durante as xornadas do 5 e 12 de febreiro. A actividade consiste nunha sesión formativa formada por unha charla inicial de 30 minutos no propio centro educativo en cuestión, na cal se ofrece información básica sobre alimentación, consumo e dereitos dos consumidores. E posteriormente, 60 minutos de saída onde se remarca a formación ofrecida a través da visita ás instalacións do supermercado Eroski de Mos.

Sobre esta iniciativa Monzón explicou que “o obxectivo da prevención primaria é reducir ou eliminar todos aqueles factores que incrementan a probabilidade de que se produza un trastorno, neste caso alimentario, ó tempo que se aumentan as capacidades persoais e o apoio do entorno. No caso dos trastornos da conduta alimentaria, a desinformación ou as nocións erróneas sobre a alimentación, cobren un dos principais postos nos factores que o desencadean. Dende esta concellería, consideramos a escola como un dos lugares máis adecuados para modificar hábitos, concienciación, información, xa que é a etapa da educación básica onde se inician e consolidan hábitos para a vida adulta. Por este motivo, coa interacción e cooperación entre profesorado, alumnado, familias, e entidades colaboradoras, poderase contribuír a que os nosos cativos adquiran estilos de vida saudables, fortalezan comportamentos responsables e se desenvolvan adecuadamente nos diferentes ámbitos da vida”, declarou a concelleira.

Os obxectivos deste programa son promover hábitos de vida saudable, proporcionar información adecuada sobre a alimentación, facilitar o desenvolvemento do comportamento responsable como cidadáns e informar sobre a promoción e defensa dos intereses e dereitos dos consumidores.

Os destinatarios desta actividade son o alumnado de 4º curso de Educación Primaria do Colexio de Atín (19 nenos e nenas), do CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda (20 nenos e nenas), do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro Mos (20 nenos e nenas) e do Colexio Lar (32 nenos e nenas). En total participarán 91 cativos destes catro centros educativos.

3 de febreiro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.