Os menores do Kero-Kedar e Kero-Kedar + percorrerán o centro histórico de Verín para celebrar o Entroido
Mañá 11 de febreiro, ás 18 horas, os/as menores dos programas ‘Kero-Kedar’ e ‘Kero-Kedar +’ da Escola de Familia do Concello de Verín realizarán un pequeno percorrido polas rúas do centro histórico da localidade, co obxecto de celebrar as festas do Entroido.
Os/As nenos/as participantes, que estarán acompañados dos seus proxenitores, portarán disfraces elaborados nestes programas de conciliación familiar e laboral durante as últimas semanas. Ao finalizar o mesmo terá lugar unha festa infantil para os/as menores.
O programa ‘Kero-Kedar’, destinado a nenos/as de idades comprendidas entre 3 e 4 anos, trátase dun espazo de xogo e aprendizaxe entre iguais que serve de conciliación para as familias. Mentres que ‘Kero-Kedar +’ é un servizo de conciliación da vida laboral e familiar, despois da finalización do horario lectivo, que permitirá que os proxenitores dispoñan dunha hora para realizar actividades propias. O mesmo, que ten lugar durante todo o curso lugar, desenvólvese os mércores, de 18.15 a 19.15 horas, na sede da Escola de Familia Municipal (edificio municipal do Lavadoiro -situado na esquina das rúas Rosalía de Castro e Lavadoiro-). Nas dúas iniciativas, os/as menores están atendidos por profesionais que se encargan de traballar, a través do xogo e a psicomotricidade, o desenvolvemento de habilidades sociais, capacidade para negociar e sentimentos de vinculación e pertenza ao grupo social.
Estas dúas iniciativas atópanse enmarcadas dentro da iniciativa Escola de Familia Municipal na que tamén se inclúen outras actividades como ‘Kero-Informátika’, ‘Kero-Kolo’, Club da Calceta ‘Tecendo Soños’, ‘ABC de Costura’, ‘Arte de vestir’, ‘Sabedoría dos Recordos’, titoría de acompañamento sociolaboral e socioeducativa personalizada, ‘Se queres, podes’ ou accións formativas de reforzo educativo entre outras. A iniciativa da Escola de Familia Municipal naceu como lugar de encontro, de formación e de intercambio de ideas, experiencias e actividades para todos/as verinenses, que incremente a sensibilización cidadá neste sentido. Está enfocada cara o desenvolvemento positivo de actividades que potencien competencias e actitudes cun carácter pragmático, con mensaxes sinxelos e claros entre as persoas participantes, na que se traballará o esforzo, a cooperación, a responsabilidade, igualdade, autonomía, respecto, aprendizaxe continuo, desexo de saber, creatividade, espírito crítico, asunción de riscos e aceptación de erros.











