Os maiores de Mos poderán visitar o Coto Mixto o vindeiro 22 de marzo
A concellería mosense de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha excursión ó Coto Mixto para os maiores do municipio que terá lugar o vindeiro 22 de marzo.
O Programa “Tempo de Excursións” que se realiza neste departamento municipal dende o ano 2009, data na que se creou, atende ás demandas dos maiores mosenses. Ten como finalidade que os participantes con menos posibilidades de ocio, e que non contan con iniciativa propia ou posibilidade de organización e disposición, facilitarlles con este servizo a que viaxen con xente do seu entorno. Ademais de darlle a posibilidade de coñecer a autonomía galega e enriquecerse do turismo histórico, natural-paisaxístico e cultural, ademais do da provincia de Pontevedra, o doutras comunidades autónomas.
Un aspecto fundamental, e que motiva a seguir organizando cada vez máis este tipo de actividades, é, segundo explicou Monzón, “o fortalecemento dos lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe”.
Neste caso, terán a ocasión de coñecer o Coto Mixto, asentado nos actuais municipios de Calvos de Randín e Baltar. O Coto Mixto estaba constituído polos actuais lugares de Santiago e Rubiás que pertencen ó municipio de Calvos de Randín, mentres que Meaus pertence ó de Baltar.
Ademais da visita ó Coto Mixto, unha localidade moi pintoresca e cunha historia moi singular debido á súa situación territorial entre España e Portugal, a excursión incluirá un almorzo ás 14.00 horas nun restaurante local e pola tarde visita á localidade de Tourém e á súa Casa Museo.
Os obxectivos desta viaxe son “facilitar a posibilidade de viaxar ós habitantes do Concello de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais, facilitar espazos e recursos de ocio para os maiores, fomentar o coidado corporal e mental e promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización”, segundo palabras da propia concelleira responsable da mesma.
Poderanse beneficiar desta actividade todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Non é preciso que os cónxuxes ou parellas de feito que estean inscritos no rexistro, cumpran os requisitos. No caso de existir vacantes poderán participar os maiores de 55 anos que non desenvolvan actividade laboral e as persoas non empadroadas en Mos. Os fillos/as discapacitados/as poden acompañar ós seus pais.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 13 de marzo, para elo será imprescindible presentar unha copia da solicitude asinada e unha copia do DNI. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. Unha vez entregada a documentación pertinente, farase a comprobación de que se cumpren os requisitos. O día 16 de marzo farase pública a lista de admitidos/as.











