Os escolares de Mos poden dan a súa visión sobre as mulleres nun concurso de textos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, informou hoxe de que se atopa aberto o prazo de inscrición no Concurso Escolar de Textos ‘A túa visión sobre a muller’ que se convocou dende este departamento municipal con motivo da celebración, o vindeiro 8 de marzo, do Día Internacional da Muller.

Sobre esta iniciativa Cebreiro declaraba que “o Día Internacional da Muller é recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, por iso dende o Concello de Mos, quixemos aproveitar a ocasión para poñer en marcha este Concurso Escolar de Textos, para potenciar á creatividade dos estudiantes ó tempo que fomentamos entre eles a reflexión sobre o papel actual da muller”.

Os textos participantes poderán estar escritos en galego ou en castelán e en calquera tipo de formato: tanto poético coma narrativo, descritivo, etc. Ademais de texto os rapaces poderán engadirlle á súa creación debuxos, ilustracións, fotos, etc. Tamén poderán empregar os materiais que desexen: lapis, bolígrafos, rotuladores, etc.; e o tamaño non poderá exceder dun folio tamaño A4 por ambos os dous lados. O texto deberá ser obra do/a propio/a neno/a, que incluirá ao final como mínimo, o seu nome, idade, enderezo, centro educativo e teléfono de contacto. Só se aceptará un texto por persoa.

Establécense catro categorías de participación distribuídas en función das idades dos redactores: Categoría I: de 6 a 8 anos, Categoría  II: de 9 a 12 anos, Categoría III:  de 12  a 16 anos e Categoría IV: de 16 a 18 anos.

O xurado que valorará os textos presentados a concurso estará composto por diferentes técnicos/as municipais dos departamentos de Cultura e Benestar Social e terá en conta sobre todo a calidade e orixinalidade, así como os seus valores e mensaxes; descartando aqueles nos que se perciba a intervención directa dun adulto.

O prazo de presentación de textos rematará o vindeiro 20 de febreiro. Cada alumno participante deberá entregar o seu texto no seu propio centro educativo. O premio para os vencedores de cada categoría será un lote de libros e material escolar máis un diploma. Estes premios serán entregados nun acto conmemorativo que se celebrará o propio domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

6 de febreiro de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.