Os delegados de CC.OO. concéntranse en Vigo para denunciar que Abanca non respecta medidas sobre horario e xornada

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

Uns 40 delegados de Comisións Obreiras (CC.OO.) -segundo a organización- participaron na mañá deste venres nunha concentración para denunciar que a dirección de Abanca non respecta medidas sobre horario e xornada que “figuran no acordo”, alcanzado o pasado decembro.

A convocatoria, que contou con membros da Federación de Servizos e delegados de CC.OO. en Abanca de toda Galicia, prolongouse entre as 10,30 e as 11,45 horas, coincidindo coa celebración da convención anual da entidade financeira, que empezou sobre as 11,30 horas no Auditorio Mar de Vigo.

O voceiro do sindicato no banco, Luis Mariño, asegurou que a convocatoria foi “un éxito” e avanzou que “se a empresa non move páxina, vai haber máis mobilizacións, nas que espera “que estean os outros sindicatos que asinaron o acordo”, UGT e Csica, que se desmarcaron ao entender que non é o momento propicio para expoñer o seu malestar.

“A ver cando deciden que é momento oportuno”, trasladou Mariño, que indicou que CC.OO. dará un tempo para que estas organizacións se sumen, posto que “dixeron que están en disposición” de unirse. “Se non, imos solos, que non nos asusta”, rematou.

REUNIÓN TÉCNICA

Este mércores, de feito, as centrais reuníronse con representantes da empresa do apartado comercial, auditoría e seguridade, para analizar o referido cumprimento do horario nas sucursais.

Comisións aseguran que no encontro se lle deu “a razón” aos traballadores pero, critica, “non hai propósito de emenda”. “A conclusión é que hai que cambiar procedementos para dar cabida a este novo horario”, expón a organización nun comunicado.

En concreto, Abanca trasladou que o 85% das oficinas, segundo os seus números, “cadran á súa hora”, as 14,30 horas, fronte ao 15% restante, polo que aseguraron os responsables que van analizar esta situación.

Pero para CC.OO., “os horarios comercial e laboral son incompatibles mentres non se modifiquen os procedementos e a tecnoloxía”, polo que avoga por anular a modificación do horario comercial e amplialo cando a modificación dos procedementos “o permita”.

Pola súa parte, UGT, noutra nota de prensa emitida a raíz da cita do mércores, valora que a dirección “se comprometeu a que, no máis breve prazo posible, se faga un resumo da normativa a aplicar nas oficinas para a apertura como para o peche”.

“Queremos que a xente salga á súa hora” é a frase coa que resume esta organización o encontro, para o que rexeita “confundir dispoñibilidade con presenza” e reclama unha análise “exhaustivo” dos horarios de servizos centrais.

13 de febreiro de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.