Os candidatos populares para Vigo e Ourense introducen mensaxes electorais na súa despedida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVigo
A-
A+
Europa Press

A proximidade das eleccións municipais de maio e o feito de que os dous conselleiros que ceden Facenda e Educación a Valeriano Martínez e Román Rodríguez sexan os candidatos do PP en Vigo e Ourense derivou este martes na inclusión de mensaxes de carácter electoral na toma de posesión dos novos membros do Executivo autonómico.

Con especial intensidade fíxoo Elena Muñoz, quen prometeu ante o presidente e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que desempeñará o seu novo papel de candidata popular “co mesmo entusiasmo e dedicación” cos que traballou á fronte da Consellería de Facenda, tras recalcar a “honra” que supón para ela “traballar para defender os intereses” da súa cidade.

“Quero devolver a Vigo o que perdeu nos últimos anos, devolverlle o liderado en lugar do frentismo que lle impediu avanzar, devolverlle protagonismo aos vigueses e traballar con eles para pór a Vigo no lugar que se merece”, sentenciou Muñoz, no acto institucional que acolleu o Pazo de Raxoi, en alusión velada ao rexedor vigués, o socialista Abel Caballero.

Ao tempo, a dirixente prometeu que as premisas de “transparencia e honestidade” que aplica desde que empezou a dedicarse ao servizo público seguirana “guiando” na súa nova responsabilidade como candidata.

Antes de felicitar ao seu sucesor e de destacar a valía do equipo que permanece en Facenda, Muñoz resumiu coa palabra “agradecemento” o momento persoal que vive agora, xa que non só pecha a súa etapa á fronte de Facenda, senón que pon “un punto e seguido” a 15 anos como empregada pública na Xunta, onde ocupou diversos postos.

Muñoz agradeceu a súa axuda ao resto de conselleiros e a súa confianza a Feijóo, como tamén o fixo o xa extitular de Educación e candidato do PP na cidade de Ourense, Jesús Vázquez, quen tentando “ser breve e non emocionarse”, salientou o “privilexio” de poder traballar “para un político da talla e ejemplaridad” de Feijóo.

“NOVA E ILUSIONANTE TAREFA” DE VÁZQUEZ

Vázquez, quen trasladou bos desexos ao seu sucesor no cargo, e o seu respecto a todos os membros da comunidade educativa, tampouco esqueceu facer mención ao novo reto político ao que se enfronta ao pugnar como cabeza de lista do PP pola Alcaldía de Ourense.

Así, sinalou que o partido lle honra” cunha “nova e ilusionante tarefa” que, como ourensán, agradeceu, porque demostra “a confianza” que o seu xefe de filas e compañeiros de partido depositan nel.

“E quero responder a esa confianza encarando este novo reto ilusionante coa mesma dedicación coa que me envorquei en corpo e alma neste últimos seis anos”, aseverou.

“AS MELLORES OPCIÓNS”

Tamén parte do discurso de Feijóo no acto de toma de posesión centrouse na nova tarefa de Muñoz e Vázquez, dúas persoas “importantes” para o seu Goberno das que asegurou que non foi “fácil” desprenderse e “menos aínda facelo de forma voluntaria”.

“Pero se finalmente tomei esa decisión é porque sobre a dificultade persoal impúxose unha dobre convicción que favorecía, na miña opinión, ao conxunto dos galegos”, reivindicou o presidente a súa aposta persoal nun escenario no que, no caso de Vigo, son moitos os populares que se temen un fracaso electoral que contribúa á perda da Deputación de Pontevedra.

Feijóo admitiu que mantivo conversacións con “distintas persoas” para propor aos candidatos ás próximas eleccións de maio, xa que “sempre se manexan distintas opcións”, e non ocultou que tivo “a tentación” de colgar a Muñoz e a Vázquez “o cartel de intransferibles”.

En todo caso, matizou que facelo fose “unha gran equivocación”, xa que na súa “dobre condición” de presidente da Xunta e do partido maioritario “estaba, está e seguirá obrigado” a pór a disposición dos cidadáns “as mellores opcións” que lle indiquen “a súa saber e entender”, e que en caso de Vigo e Ourense –esgrimiu– estaban no seu Goberno.

“E o meu deber era abrirlles as portas para que puxesen as súas capacidades ao servizo das súas respectivas cidades. Nin Elena (Muñoz) nin Jesús (Vázquez) dubidárono”, aseverou, antes de desexarlles “sorte” no seu reto electoral, convencido de que a “capacidade de esforzo” téñena e “agradecido” polo traballo feito na Xunta.

Outro exconselleiro de Feijóo, o actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, quen tamén acudiu á toma de posesión dos novos membros do Goberno galego, será tamén candidato do PP nesta cidade, á que foi destinado para tentar pechar a grave crise institucional orixinada pola dimisión forzada de Gerardo Conde Roia e de Ángel Currás, así como a inhabilitación de sete concelleiros.

10 de febreiro de 2015 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.