Os avances conseguidos en Colombia, Perú e México abren novas oportunidades de negocio para as empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Parlamento que os avances conseguidos en Colombia, Perú e México abren novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Conde sinalou no Parlamento como resultados concretos da acción diplomática que vén de liderar o presidente da Xunta en Colombia, México e Perú, acompañado dunha delegación empresarial e institucional galega, a firma en México dun acordo marco de cooperación para a promoción económica mutua coa Secretaría de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano; así como a sinatura dun protocolo co Ministerio da Produción de Perú, no ámbito pesqueiro e acuícola, a través de proxectos de investimento e da transferencia tecnolóxica.

Do mesmo xeito, tamén se referiu á xuntanza co presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, na que se acordaron eixos de colaboración en ámbitos moi relevantes para aquel país, como as TIC, as infraestruturas, as enerxías e o naval, e destacou as reunións co gobernador de Puebla, estado que conta cun importante complexo de automoción e que tamén presenta oportunidades no eido das enerxías renovables; e co ministro de Vivenda, Construción e Saneamento de Perú, así como cos ministros colombianos de Comercio, Industria, e Turismo; de Minas e Enerxía, e de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, así como a visita a General Motors en Colombia e representantes do empresariado dos tres países.

Segundo referiu o conselleiro de Economía e Industria, trátase de mercados que se caracterizan por un alto crecemento, con taxas que van do 4 ao 7% anual, a súa estabilidade e polas condicións favorables que ofrecen para desenvolver negocios.

Tal e como sinalou Conde, a acción enmárcase na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, á que se destinan 50 millóns de euros para 2015 e 2016. Conde, que lembrou que as exportacións da comunidade alcanzaron en 2014 o seu segundo mellor rexistro histórico, cunha cifra de 17.825 millóns de euros, só por detras do récord de 2013 e case un 30% por riba do dato de 2009, sinalou como unha responsabilidade de Goberno acompañar ás empresas neste esforzo, e sinalou como unha necesidade a diversificación sectorial e xeográfica no eido da internacionalización.

25 de febreiro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.