Os atletas da Sociedade Ximnástica, Iván Docampo e Barca Toba subiron ao podio na carreira de San Blas
Boas sensacións para a Sociedade Ximnástica no inicio do Circuíto de Carreiras do Concello de Pontevedra, cunha participación moi interesante na súa primeira carreira, a popular de San Blas.
A chuvia non estivo presente na xornada matinal do domingo o que agradeceron os corredores e o público que se dispersou ao longo dun percorrido moi esixente, pero que estivo cheo de aplausos para os sufridos corredores.
Ás once e media iniciáronse as carreiras para os máis pequenos, onde algúns dos atletas pontevedreses estiveron entre os mellores na liña de meta, como Xavier Rodríguez, que gañou a carreira xuvenil ou Antía Carrasco que fixo a propio na infantil feminina.
Ás doce e media foi a quenda para os séniors e veteranos, cunha participación record de 426 atletas que completaron os 6 quilómetros do percorrido.
Barca Toba na categoría feminina e Iván Docampo na masculina, foron os atletas máis destacados da Sociedade Ximnástica, entrando ambos os dous en meta na segunda posición. Resaltar tamén a Fran Iglesias que foi sétimo clasificado.











