Orozco dá o seu apoio ás iniciativas que servan para “abrandar o corazón de ferro” da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Alcalde, José López Orozco, volveu reivindicar hoxe do dereito dos veciños e veciñas de Lugo a dispór dun servizo de Hemodinámica que funcione as 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti en contra do que defenden a Xunta e o Partido Popular.

O Alcalde considerou “impresentables” as últimas declaracións feitas polo Voceiro municipal do PP, Jaime Castiñeira, e manifestou que “se lle quere lavar a cara ó Goberno de Galicia que o faga, pero non está defendendo os dereitos dos lucenses”.

“Ahí vaime ter totalmente en contra, porque é algo que temos que pedir todos os lucenses, incluído él a non ser que xa non se considere lucense por pasar tanto tempo en Santiago”, declarou López Orozco.

O Alcalde respostou así a preguntas dos xornalistas que lle pediron a súa opinión sobre as últimas declaracións de Jaime Castiñeira sobre a demanda cidadá da creación dun servizo de Hemodinámica que funcione as 24 horas no HULA.

Castiñeira chegou a poñer en dúbida que sexa mellor para a saúde dos lucenses dispor durante as 24 horas do día do servizo de Hemodinámica que telo en funcionamento só durante 8 horas. O Voceiro do PP tamén afirmou que en Galicia “tampoco hay tantas distancias” e mesmo considerou que a equiparación de servizos sanitarios para os lucenses cos que gozan o resto dos galegos é unha cuestión de “populismo” ou de “localismo”.

O Alcalde lembrou que “calquera persoa podemos sofrir, nas 24 horas do día e os 365 días do ano unha doenza cardíaca e necesitamos ser tratados do mellor xeito posible no noso Hospital, tal como son tratados os veciños da Coruña, Santiago e Vigo, os de Lugo e Ourense non somos menos, que non nos veñan con rebaixas”

López Orozco anunciou tamén que “todo aquelo que vaia para abrandar o corazón de ferro do Presidente da Xunta e da Conselleira vai contar co apoio do Alcalde de Lugo, como Alcalde e como lucense”.

10 de febreiro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.