Once accións formativas para o mes de marzo na aula CeMIT de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Durante o mes de marzo, a aula Multimedia do Concello de Verín ofertará once accións formativas para os/as usuarios/as interesados en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e novas tecnoloxías. Os cursos que terán lugar son: redes sociais, iniciación á informática, busca de información na Internet, correo electrónico, administración electrónica ou preparación CODIX . Os mesmos serven de continuación aos realizados no pasado mes que foron de ferramentas na nube e iniciación á informática.

Ademais, e en colaboración coa Escola de Familia Municipal, tamén se desenvolverá o proxecto infantil  ‘Kero-Informátika’, destinado a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos, no que comezarán a familiarizarse cos recursos educativos que ofrece o mundo virtual (estas clases terán lugar os martes de 17.15 a 18 horas -grupo de nenos/as entre 4 e 6 anos- e de 18.15 a 19 horas -menores con idades comprendidas entre os de 6 a 10 anos-, mentres que para os/as menores do Kero-Kedar e Kero-Kedar + serán o último mércores do mes de 17 a 19 horas).

O obxectivo da Rede CeMIT é o de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega. Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Aula CeMIT de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Aula CeMIT do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, andar 1- porta 11 ou no correo electrónicos: cemit.verin@xunta.es.

25 de febreiro de 2015 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.