Oleiros repartirá máis de 3.000 euros en premios no concurso de disfraces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Chega o entroido ao Concello de Oleiros e a súa tradicional festa co concurso de disfraces, referencia en toda a comarca. O próximo venres, 20 de febreiro, na polideportiva de Santa Cruz, a carón do colexio Parga Pondal, a partir das 19:00 horas, empezará a festa do Entroido, que incluirá a actuación musical de calidade a cargo da Orquestra Os Satélites, o concurso de disfraces con grandes premios, tanto para grupos como individuais, así como unha chocolatada para todas as persoas que asistan á festa.

No concurso poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen. Ao ser un concurso de disfraces non se valorarán as carrozas e as comparsas. O xurado valorará a creatividade, posta en escena, orixinalidade, calidade na confección e as características dos materiais utilizados, ademais valorarase aqueles disfraces onde o conxunto de todos estes elementos sexa representativo do espírito festeiro do entroido.

Os premios previstos para esta edición son os seguintes:

Individual

1º premio de 300 euros

2º premio de 200 euros

Dous 3º premios de 100 euros

Grupo

1º premio de 1.000 euros

2º premio de 700 euros

Dous 3º premios de 400 euros

As persoas interesadas poderán inscribirse por correo electrónico, enviando ao enderezo de correo electrónico e.rodríguez@oleiros.org a inscrición que poderán descargar na páxina web www.oleiros.org, na nova relacionada co concurso, no apartado da propia Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Consumo. Ademais poderá facelo a través do teléfono de atención ao veciño, no 981 610 000 ou acudindo ás oficinas de Servizos Sociais na rúa Camilo Díaz Baliño de Oleiros. A través destas vías o prazo estará aberto ata 12 horas do xoves 19 de febreiro, pero ademais, o día da celebración do concurso, o venres 20 de febreiro, será posible inscribirse na polideportiva Arsenio Iglesias de Santa Cruz entre as 19.00 e as 19.30 horas.

4 de febreiro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.