O xuvenil celeste Pape Cheikh foi convocado pola Selección Española sub-19
O canterano Pape Cheikh, futbolista do Celta Xuvenil de División de Honra, foi convocado pola Selección Española sub-19 para participar do 2 ao 4 de marzo nos adestramentos oficiais que o combinado español levará a cabo na Cidade Deportiva da RFEF, en Las Rozas (Madrid). Esta sesión de adestramentos servirá como preparación de cara á disputa da Rolda Elite en Xeorxia entre o 29 de maio e o 3 de xuño, clasificatoria para a fase final do Europeo da categoría.
O seleccionador nacional Luis de la Fuente volve confiar no novo xogador céltico tras contar con el na Copa do Atlántico, celebrada a principios de Febreiro e na que España se erixiu como campioa. A confianza dos seleccionadores nos futbolistas da Madroa continúa solidificándose, un referendo máis ao proxecto de fútbol base celeste que, co traballo do RC Celta e a súa Fundación, xa é un dos sinais de identidade do club vigués.











