O xeo provoca dous quilómetros de retencións na AG-64 en San Sadurniño

Retencións na AG-64
Nevar non nevou moito, pero o frío que vai chégalle ben. A bolsa de aire polar que nos está afectando deixou en San Sadurniño os montes cunha fina capa de neve miúda e as estradas convertidas en pistas de patinaxe, especialmente nas zonas altas de Naraío e Igrexafeita. Na AG-64 á altura desta última parroquia producíronse hoxe pola mañá case dous quilómetros de retencións por causa do xeo. O tráfico restableceuse pouco despois das 10 da mañá, aínda que cómpre circular con moita precaución xa que se prevé que o frío continúe e que poida nevar de novo.
O territorio máis elevado de San Sadurniño amenceu tinguido de branco por mor das folerpas que foron caendo aos poucos ao longo da noite entre lóstrego e lóstrego. As precipitacións foron escasas e con intervalos moi separados. Porén, o frío provocou que a pouca neve granular caída se convertese rapidamente nunha dura codia de xeo.
Nas pistas municipais non se rexistraron incidencias. O transporte escolar cubriu coma sempre o seu traxecto, aínda que con máis precaución ao pasar por Igrexafeita. Alí a autovía AG-64 viuse colapsada durante case dúas horas por mor das placas de xeo formadas na calzada. Unha circunstancia que lle afectou principalmente ao transporte pesado, que quedou retido nun espazo aproximado de dous quilómetros, entre a costa da Penavidreira e a costa do Coto.
A Garda Civil de Tráfico cortou os carrís de subida e baixada e só permitiu o tránsito de vehículos lixeiros en ambos sentidos despois de que unha máquina quitaneves e unha oportuna raiola fixesen o seu traballo. O tráfico de camións reanudouse pouco despois das dez da mañá.
No intre de redactar esta información -11 da mañá- volvía saraibar en Igrexafeita, polo que cómpre extremar as precaucións ao volante cando se circule pola zona.











