O Virazón de Miguel Lago gaña a segunda xornada do Trofeo Vitaldent J80
O Virazón de Miguel Lago gañou a segunda xornada do Trofeo Vitaldent J80 disputada esta tarde na bahía de Baiona. O barco do Monte Real Club de Iates conseguiu impoñerse nunha regata na que o mal tempo foi o protagonista.
As complicadas condicións meteorolóxicas, con ventos de 24 nós de media e rachas de ata 30 nós, obrigaron a acurtar a competición. O comité de regata puxo o punto e final á primeira proba na segunda cinguida de barlovento e decidiu non realizar o resto de probas previstas.
Tralo Virazón de Miguel Lago cruzaron a liña de chegada o Namasté de Luís de Mira, o Luna Nueva patroneado por Juan Luís Tuero e o Nortada, con Iago Carballo á cana. O Mi Moneda de Guillermo Caamaño, que se alzou coa vitoria na primeira xornada do campionato, non puido acabar a regata por un problema coa driza do spi.
O Trofeo Vitaldent J80 continúa o sábado 28 de febreiro coa terceira xornada de probas. Un día despois, o 1 de marzo, celebrarase a regata que se suspendeu fai 15 días a causa do mal tempo, e haberá tres probas máis os días 14, 28 e 29 de marzo.











