O Trofeo J80 Galicia Gold Sailing chega á Coruña esta fin de semana
Este sábado 21 de febreiro arranca en augas da Coruña o Trofeo J80 Galicia Gold Sailing, unha competición organizada en exclusiva para este tipo de embarcacións polo Real Club Naútico da Coruña co patrocinio da ceraría Gold Sailing. Espérase ademais unha participación de luxo nesta regata J80 que sempre presenta unha frota moi competitiva. Ademais do recente campión galego, o BIBA patroneado por Miguel Fernández, e os locais Marina Coruña, Miúdo, Moura, Kakako, Meltemi, Kentes e Zeika, acudirá á cita o equipo Gold Sailing do hondabitarra Iñigo Jaúregui, quinto no ranking nacional da clase. Tamén se esperan tripulacións do Monte Real Club de Iates de Baiona e doutros clubs de España que farán desta regata un espectáculo.
O campo de regatas situarase o máis preto posible da costa, de forma que os afeccionados que o desexen poidan seguir este Trofeo J80 dende terra, tanto dende o Paseo Marítimo na zona da Mestranza, coma dende o dique de abrigo. O Trofeo disputarase nun total de 6 mangas que se celebrarán o próximo fin de semana. O sábado darase a saída da primeira ás 15:30 horas e o domingo a partir das 12:30.
O J80 é un barco moi accesible, rápido e divertido que conta cunha clase J80 a nivel nacional que agrupa a máis de 180 barcos que medra cada ano. Este ano espérase sexa moi interesante para estes barcos, tanto polo número de participantes na frota coma polo calendario de regatas. A Copa de España de J80 celebrarase do 22 ao 24 de maio no Porto Deportivo “Juan Montiel”, en Aguias (Murcia), mentres o Campionato de España se disputará en augas de Sotogrande (Cádiz) do 3 ao 6 de Xuño de 2015. Pola súa banda, o Monte Real Club de Iates de Baiona organizará o Campionato Ibérico de J80 que se desenvolverá xunto co Trofeo Príncipe de Asturias.











