O Teatro Jofre acollerá a obra humorística “Bobas e galegas” representada por Mofa&Befa
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, organiza este sábado, día 28 de febreiro, unha nova peza de teatro humorística que terá lugar no Teatro Jofre. A comedia “Bobas e galegas” dará comezo ás 20:30 horas e as entradas para asistir ao espectáculo poderán ser adquiridas no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Un dúo cómico procedente dos límites da delincuencia, Mofa&Befa, foron detidos o ano pasado en Almagro tras inflinxir dolorosas feridas ao inmortal Shakespeare. Postos en liberdade por un erro xudicial, saen da cárcere onde os recluíra a crítica e regresan a Almagro para saciar a súa sede de vinganza. ¿Quen é a vítima?. O inocente teatro clásico español. Tras Almagro, a vinganza exténdese por todos os escenarios da península.
Aproveitando o seu acento, fanse pasar por criados galegos e desgástanse cínicamente en xenuflexións e reverencias para gañarse a simpatía do público. Na cárcere adquiriron unha enfermidade de transmisión textual que lles obriga a falar en verso. Tanto lles da a redondilla como o romance, aínda que non lles fan ascos ao agridoce sabor da silva.











