O Shakespeare máis maduro rexuvenece con “A tempestade” en Vilagarcía
A cita semana co teatro no Auditorio de Vilagarcía chega o sábado cunha obra de William Shakespeare. A compañía Voadora representa “A Tempestade” a obra que o universal dramaturgo escribiu na súa época madura e que nesta montaxe se presenta adaptada á época actual. É unha adaptación estética, xa que os textos orixinais respéctanse con toda fidelidade. Unha montaxe de luxo que ademais conta co atractivo de contar con música en directo e composición propias.
“A Tempestade” represéntase o sábado ás 21:00 horas no Auditorio. O espectáculo forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancian Agadic e a Concellería de Cultura. As entradas custan 5 euros e pódense adquirir de forma anticipada a través de www.servinova.com e da billeteira telefónica 902 504 500 (máis custes de xestión). Tamén se poderán adquirir o día da función a partir das 19:00 horas no Auditorio.
“A Tempestade” é a guinda máis extravagante á carreira dun xenio na súa senectude, a última obra de Shakespeare e tamén a declaración de intencións dun autor inquieto que prefire enterrarse nas areas brancas dunha praia de fantasía, que nunha realidade que xa soubo definir como ninguén.
Voadora propón un billete de ida á illa de Próspero, a mesma á que chega o náufrago de Shakespeare.
Elenco
Marta Pazos dirixe esta obra que interpretan os actores Diego Anido, Jose Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro•, Hugo Torres, Guillermo Weickert e Sergio Zearreta.
Textos atemporais e de total actualidade
“A Tempestade” de Voadora válese universalidade e a atemporalidade dos temas que aborda Shakespeare para recrealos na época actual cunha harmonía que semella que a obra estea escrita no tempo presente. Coa adaptación do texto do premiado dramaturgo Fernando Epelde e traducida ao galego por Manuel Cortés, a historia lévase ao universo moderno e surrealista de Voadora aproveitando os espazos en común do realismo máxico e a fantasía das que Shakespeare tamén fixo uso na súa creación.
Igual que o dramaturgo de Stratford, Voadora incorpora a música á súa Tempestade. Recolle as pezas musicais que o autor xa incluíu no texto orixinal e engaden outras propias compostas exclusivamente para esta produción e que se interpretan en directo durante a representación.
A cabalo entre Galicia e Portugal
A Compañía Voadora traballa dende a súa creación a cabalo entre Galicia e Portugal. Esa é a razón pola que varios organismos lusos participan, xunto cos galegos, na produción de “A Tempestade” e tamén a causa de que a obra se estrease no país veciño o pasado 5 de xuño en Guimaraes con motivo dun festival de teatro e do 450 aniversario no nacemento de Shakespeare.
Ademais da propia compañía, producen este espectáculo o Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, MIT Ribadavia, Teatro Bruto e Mafalda; coa colaboración especial de Centro Dramático Galego e a do Teatro Nacional São João de Porto, A Cocotte, Pousadas de Compostela, Mesón El Serrano, Montse Triola, Dalia Antas, Fresh Pizza e Voz Audiovisual. A implicación destes organismos converte “A Tempestade” de Voadora nunha das produccións máis ambiciosas do ano en Galicia.











