O Sergas asina o contrato para a construción do centro de saúde de Vilarrodís
A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán, e o representante da empresa COPCISA, SA, Javier Sal Pérez, asinaron hoxe, no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o contrato para a construción dun centro de saúde en Vilarrodís-Arteixo (A Coruña), cofinanciado ao 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de desenvolvemento rural sustentable, por un importe de 2,2 millóns de euros e un prazo de execución de 14 meses.
Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro son, na área de medicina xeral e enfermería, 7 consultas de medicina xeral, 7 de enfermería e unha polivalente, traballador social, despacho do coordinador, unha sala e unha consulta de fisioterapia, unha sala de extraccións e unha sala de técnicas. Na área de pediatría haberá dúas consultas, ademais doutra para enfermería pediátrica. A todo o anteriormente sinalado engádese a área de administración, o arquivo, almacéns e outros servizos comúns.











