O Santiago Futsal xa pensa no encontro co Levante UD DM
A vitoria do venres ante Jaén Paraíso Interior (2-1) serviu aos de Santi Valladares para afastarse, aínda máis, dos postos de descenso e deixalos a 17 puntos. Trala 22ª xornada de Liga, o conxunto de Santiago aséntase na undécima posición da táboa con 26 puntos, igualado a puntos co décimo clasificado. Deste xeito, o persoal sumou xa tres xornadas consecutivas puntuando, tralo empate ante Prone Lugo AD (4-4), e as vitorias en Tenerife (1-3) e a do pasado venres, conseguindo, con esta última, sumar os tres primeiros puntos en casa do 2015 e da segunda volta.
O Santiago Futsal reincorporouse esta mañá ao traballo e xa prepara a seguinte proba na súa loita particular por ascender posicións na táboa que terá lugar este venres en Valencia ante Levante UD DM (Cabañal, 20.30h). Esta mañá, parte da sesión de adestramento, terá lugar na zona de Cross Fit do Multiusos Fontes do Sar, unha zona de adestramento funcional baseado nun traballo máis dinámico da totalidade do corpo, no que se empregan diversos elementos e realízase unha ampla variedade de exercicios.











