O Santiago Futsal recibe ao Jaén Paraíso Interior
Os de Santiago sumaron o venres en Tenerife a primeira vitoria do 2015 e a primeira da segunda volta ao superar o equipo tinerfeño por 1-3. Con ese resultado os de Santi Valladares aséntanse na undécima posición con vinte e tres puntos, catorce por enriba do descenso. Con esta puntuación, o equipo encóntrase moi preto de conseguir a permanencia de xeito matemático. Pero o obxectivo pasa por seguir sumando vitorias, e iso é o que queren conseguir este venres ante a súa afección recibindo ao cuarto clasificado, Jaén Paraíso Interior.
O Multiúsos Fontes do Sar (21 h) será escenario do encontro da 22ª Xornada de Liga, na que o Santiago buscará brindar á súa afección a primeira vitoria do ano na casa, e sumar tres puntos clave na carreira pola permanencia, o que tamén lles permitiría mirar cara aos postos de arriba e marcarse obxectivos máis ambiciosos.











