O rexedor de Ferrol asiste ao inicio do programa preventivo e educativo “Cinensino”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na intervención en Cinensino

Rey Varela na intervención en Cinensino

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asistiu esta mañá ao inicio da nova edición do programa “Cinensino 2014-2015” que se desenvolverá até o vindeiro mes de maio no Teatro Jofre. Jose Manuel Rey Varela desprazouse ao teatro municipal acompañado polas concelleiras de Benestar Social e Educación, Rosa Martínez Beceiro e Susana Martínez Galdós, respectivamente. Máis dun milleiro de estudantes de Educación Primaria Obrigatoria, pertencentes a dezasete centros educativos da cidade, participarán neste programa para a prevención do consumo de alcohol e outras adicións así como a formación en valores.

Así as cousas, na xornada de hoxe os escolares asistiron ao Jofre á proxección da película “El verano de sus vidas”, que se realizou en dúas quendas. As proxeccións terán lugar os martes e mércores, en dúas sesións por día, e os menores poderán ver, ademais da película antes sinalada, os films: “Los cinco y el misterio de la joya escondida” e “El medallón perdido”. Así mesmo, os estudantes traballarán unidades didácticas que abordarán temas como a imaxinación e creatividade ou a importancia do grupo ante as adversidades. A selección de películas para este curso ten como obxectivos acadar as metas co propio esforzo, o traballo en grupo fronte as adversidades e destacar o valor da amizade e a familia.

Os centros educativos do municipio ferrolán que participarán, tanto públicos como concertados, en “Cinensino 2014-2015” son: Sagrado Corazón Mercadarias, Jesús Maestro, Valle Inclán, CEIP Pazos, Cristo Rey, CPR Belén, CEIP Almirante Juan Lángara, Ponzos, Esteiro, Manuel Masdías, Recimil, Tirso de Molina, La Salle, San Rosendo, Isaac Peral, Santa Juana de Lestonnac e Cruceiro de Canido.

4 de febreiro de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.