publicidade hoxe

O PSOE de Fene considera que as medidas adoptadas polo PP nas curvas de Santa Ana foron un simple parcheo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Un novo accidente con feridos nas curvas de Santa Ana pon de manifesto que as medidas adoptadas polo PP nese tramo son claramente insuficientes, como volveu a advertir o portavoz do grupo municipal socialista, Antón Noceda, no último pleno. O responsable local do PSdeG-PSOE lamenta que o alcalde siga sen tomar en serio a seguridade dos nosos veciños e veciñas malia as reiteradas peticións que o noso grupo vén facendo dende setembro.

A raíz da última iniciativa presentada polos socialistas, o alcalde anunciou a través da prensa que se reforzaría a sinalización horizontal e vertical e que se melloraría a capa de rodadura, pero no ultimo pleno escusouse dicindo que como non é especialista na materia non sabe que tipo de medidas se deben adoptar. Unha vez máis, Gumersindo Galego demostra que solo actúa de cara á galería, e que as medidas adoptadas nas curvas de Santa Ana foron un simple parcheo para intentar acalar as críticas.

Dende o PSOE insistimos, e seguiremos facéndoo, en que non basta con colocar dous sinais luminosos _un dos cales, por certo, non funciona correctamente_ para advertir aos condutores da perigosidade das curvas. Fai falla tamén sinalización horizontal e, sobre todo, que se leven a cabo as obras necesarias para mellorar a capa de rodadura, que parece evidente que non reúne as condicións de adherencia esixibles nese tramo e nunha vía desas características.

“¿Cantos accidentes ten que haber para que o alcalde tome en serio a seguridade dos nosos veciños e veciñas?”, pregunta Antón Noceda. O portavoz socialista lamenta que Gumersindo Galego siga dando mostras da súa incapacidade para gobernar o Concello de Fene e para dar resposta aos problemas da cidadanía.

10 de febreiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.