O PSdeG queda só no rexeitamento á construción da planta de xestión de residuos en Pontevedra
A deputada do PSdeG Patricia Vilán defendeu este mércores unha proposición non de lei para pedir á Xunta que abandone a promoción de “calquera proxecto de construción de calquera planta de xestión e tratamento de residuos” no Concello de Pontevedra, pero non recibiu o apoio de ningún dos grupos con representación parlamentaria.
Ante o pleno da Cámara, a socialista pontevedresa esgrimiu “oposición social e política” a esa obra e sementou dúbidas sobre a actividade desta planta. “Apostamos pola compostaxe, pero estamos en contra da incineración”, explicou, relacionando esta infraestrutura coa promesa da Xunta de construír “unha segunda Sogama no sur de Galicia”.
Así mesmo, considerou “difícil de asumir” este pacto entre o BNG, que lidera o Concello de Pontevedra, e o PP na Deputación e o Goberno galego. E é que, proseguiu, no protocolo asinado hai “demasiada escuridade”.
O primeiro en manifestar o seu rexeitamento a esta proposta foi o deputado do PP Santiago Freire, para quen as corporacións locais “están lexitimadas para impoñer o sistema de xestión de residuos que consideren máis axeitado”, de modo que defendeu unha emenda para condicionar o aval da Xunta a esta planta a que teña “o apoio da corporación municipal” e que non “suscite amplo rexeitamento veciñal”.
REXEITAMENTO DE PP E BNG
Máis alá desta achega, que non foi aceptada pola parlamentaria do PSdeG, defendeu a necesidade de alcanzar “a máxima descentralización” na xestión dos residuos orgánicos e reprochou aos socialistas que avalíen de forma “distinta” a compostaxe en función de se a planta se instala “na aldea ou na capital” de provincia.
E, por último, o exalcalde de Lousame e agora candidato en Noia lamentou que Patricia Vilán trouxera a Cámara “un debate interno” do Concello de Pontevedra. “As dúbidas deberían aclararllas os seus socios de goberno”, espetoulle.
Pola súa banda, dende o BNG, Ana Pontón reivindicou a xestión da súa formación á fronte da Casa do concello capitalina e puxo como exemplo diso o último galardón recollido, o premio ONU Hábitat, polo seu modelo urbano peonil.
Dito isto, “saudou” que Pontevedra acolla “alternativas á incineración” no tratamento dos residuos orgánicos e rexeitou que se digan “cousas que non son verdade”, vinculando o plan de residuos da Xunta con esta planta. Ademais, sostivo que a súa situación conta “co apoio de colectivos sociais e veciñais” da cidade.
Adicionalmente, a deputada do Grupo Mixto Consuelo Martínez xustificou o seu voto en contra na súa aposta pola “descentralización” dos sistemas de tratamento de lixo e criticou o PSdeG por rexeitar que a nova planta se sitúe en Pontevedra cando si aceptaría construila noutros sitios.
ABSTENCIÓN DE AGE
A continuación, Antón Sánchez (AGE) aceptou que o de Pontevedra é “un concello exemplar” pero advertiu de que isto non o exime de “dar explicacións” no que atinxe a esta planta de tratamento de residuos. “E temos certas dúbidas sobre o aprobado”, apostilou.
Así é que pediu que se vaian “despexando as incógnitas” antes de pronunciarse ao respecto, consciente de que “non é afortunado” pedir que non haxa ningunha planta na cidade.
De feito, formulou que Alternativa Galega de Esquerda non está en contra da compostaxe e que apoia a descentralización con criterios comarcais, de modo que incidiu na necesidade de aclarar se esta planta terá carácter provincial ou comarcal.
PLANTA PROVINCIAL
A este respecto, Patricia Vilán indicou que o protocolo asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra inclúe unha liña de incineración de residuos e establece que dará servizo a toda a provincia. E, como proba, apuntou que Salceda de Caselas, que non forma parte da bisbarra pontevedresa, está adherido ao seu servizo.
Tras subliñar que a xestión de Pontevedra “tamén é labor dos socialistas”, sen os cales “habería un goberno do PP”, a deputada mostrou unha vez máis o seu rexeitamento á “incineración nun lugar que non sexa Sogama”. “E estamos en contra de encher Galicia de depuradoras”, remachou.
DEPURADORA DE PONTEVEDRA
Por outra banda, no pleno aprobouse unha proposición non de lei impulsada polo deputado do PPdeG Jacobo Moreira para pedir á Xunta que realice “un estudio” dos sistemas de saneamento e depuración da ría de Pontevedra contando cos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa.
Segundo o texto, que saíu unicamente cos votos favorables do PP e a abstención do BNG, estes municipios deben “achegar toda a información e documentación necesarias” para coñecer o estado actual da rede”. A partir de aí tocará “determinar as necesidades concretas de actuación” en cada un dos citados concellos.
Ante esta petición, a oposición criticou este tipo de propostas que “non din nada” e que relacionaron coa proximidade das eleccións municipais. Ademais, todos os grupos coincidiron á hora de criticar que tras seis anos á fronte da Xunta o PP pida agora facer “unha revisión” da rede.











