O proxecto “LIFE Regenera Limia” porá en marcha vinte actuacións para mellorar a conca do río
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, investirá máis de dous millóns de euros (2.053.000 €) na posta en marcha do proxecto “LIFE Rexenera Limia”, que nace co obxectivo de recuperar a calidade medioambiental do río Limia ao seu paso por esta bisbarra de Ourense mediante máis dunha vintena de actuacións.
Este proxecto, que foi elixido pola Comisión Europea de entre preto de 1.500 candidaturas, pretende aplicar un conxunto de medidas preventivas e de rexeneración para reducir os nutrientes de orixe gandeira nas masas de auga da conca do río Limia, para cumprir cos obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a normativa de transposición á lexislación española.
A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu hoxe unha xornada na que os socios do proxecto explicaron as diferentes técnicas que se utilizarán para mellorar a conca do río. A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da CH Miño-Sil, Francisco Marín; a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, e contou tamén coa participación de representantes das empresas Ecolagunas e Gas Natural, así como de Alberto de Anta, xefe da Área de Xestión Ambiental da CH Miño-Sil, quen explicou as actividades do proxecto.
A Deputación de Ourense e o Inorde, socios do proxecto, participan en investigacións sobre fertilizantes e xurros, e poñendo a disposición 10 hectáreas de terreo para actividades prácticas en xestión de fertilizantes.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto de inauguración “a importancia da cooperación público-privada que nos une neste proxecto, que aporta para a comarca da Limia -a máis importante no ámbito agrario de Galicia- un traballo rigoroso e necesario para achegar solucións medioambientais co fin de conseguir que A Limia e, por extensión, a provincia de Ourense sexan máis “verdes” e melloren o seu medio ambiente”.
O proxecto europeo “LIFE Regenera Limia” ten como obxectivo levar a cabo accións preventivas no ámbito medioambiental na cunca do río Limia para facer compatible a actividade gandeira co bo estado das masas de auga da comarca da Limia.
Xestión de residuos gandeiros
En concreto, hoxe presentáronse 26 accións entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros, destinadas a reducir o seu impacto no medio ambiente a través zonas húmidas artificiais intensivas de macrófitos. Trátase de crear un sistema de lagoas artificiais como proxecto piloto de tratamento de zurros de porcino por medio de métodos naturais de depuración.
Ao mesmo tempo, considérase a creación e posta en marcha dun sistema de control Integrado de xestión de fertilizantes e estercos en chans agrarios que permita un emprego máis eficiente destes, reducindo as achegas difusas de nutrientes ás augas, traballo no que participa a Deputación de Ourense.
Está previsto tamén a reconversión das antigas explotacións mineiras de extracción de area na Canle de Antela nun sistema lagunar de pozas que potencien a capacidade de depuración natural do curso fluvial e que contribúa á recuperación de espazos húmidos na ZEPA da Limia.
Tamén se levará a cabo a recuperación ambiental dos leitos fluviais modificados e a rexeneración e reconexión de sistemas laguares para reducir a presenza de nutrientes na auga e a eutrofización, á vez que se recuperarán os ecosistemas locais de especial transcendencia en espazos incluídos na Rede Natura 2000.
Coa posta en marcha destas actuacións espérase que unha vez que finalice o proxecto, que terá unha duración de tres anos, se reduza a concentración de nutrientes na auga, o uso de fertilizantes (un 30% menos), o de estercos (un 50% menos) e que haxa un 40% menos de gases de efecto invernadoiro.
O programa contempla tamén accións de formación e información aos sectores máis afectados, estando prevista a participación de aproximadamente un millar de persoas no conxunto das actuacións previstas.
A xornada de hoxe completouse cun foro de debate no que se analizou o estado das masas de auga da bacía do Limia, as redes de control e investigación da calidade das augas, o emprego de boas prácticas como garantía de rendemento agrícola e as boas prácticas nos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal.
No proxecto, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea, participan como socios beneficiarios a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-, a Deputación de Ourense, o Inorde, as empresa Ecolagunas e Coren, o sector gandeiro e Gas Natural como colaborador financeiro.











