O PP cre que chegou o momento de que Caballero explique os supostos enchufes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu este luns ao alcalde, Abel Caballero, unha “explicación” sobre as investigacións que leva a cabo un xulgado da cidade acerca dun suposto caso de ‘enchufismo’ nunha contrata municipal, e apuntou que “chegou o momento” de que o rexedor faga un “pronunciamento público” porque os vigueses “merecen” coñecer “a verdade”.

Nunha rolda de prensa, o voceiro municipal, José Manuel Figueroa, afirmou que ao PP lle “preocupa” que varias persoas relacionadas co Concello estean “imputadas”, en referencia a unha denuncia que a Fiscalía trasladou ao xulgado pola comisión dos supostos delitos de prevaricación e tráfico de influencias na contratación de persoal dunha empresa que xestionaba os centros cívicos municipais.

O grupo popular, que ata agora se mantivera bastante cauto nas súas manifestacións sobre as investigacións xudiciais que afectan ao Concello (mesmo sobre a imputación dun concelleiro socialista), subliñou que “o alcalde debe esclarecer o acontecido, pola tranquilidade dos veciños”.

Figueroa pediu ao goberno local que “colabore coa Xustiza”, pero indicou que “chegou o momento” de que Caballero ofreza unha explicación, porque “non se poden ter tantos momentos de incerteza”.

EXPLICACIÓN

Pola súa banda, a preguntas dos medios sobre estas declaracións, o alcalde remitiuse ao seu concelleiro de Deportes, Manel Fernández, quen informou os xornalistas de que o Tribunal de Contas arquivou as dilixencias por supostas irregularidades nas concesións contractuais no Concello.

Así, o edil referiuse a outra das denuncias da plataforma Xuntos, en concreto á suposta concesión ‘a dedo’ de varios contratos á empresa Samyl (vinculada cun cargo do PSOE de Vigo). Non obstante, nin o alcalde, nin Manel Fernández se referiron á denuncia que investiga o xulgado de instrución número 7 de Vigo polo suposto ‘enchufe’ dunha familiar de Carmela Silva.

Malia a insistencia dos xornalistas sobre ese caso, Fernández limitouse a referirse ao arquivo do Tribunal de Contas, e a subliñar que “o Concello de Vigo é un concello limpo, harmonioso e que, polo tanto, así vai seguir traballando”.

16 de febreiro de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.