O PP considera que Besteiro non se presenta ás locais por medo á derrota
O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, xulgou este mércores que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non se presentará ás eleccións municipais ben “por medo á derrota” ou ben por “non acompañar” nas listas o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, para “non cargar con parte da súa pesada carga xudicial”.
“Moi mal téñenlle que dar as enquisas ao PSOE para que Besteiro prefira quedar sen altofalantes institucionais cos que trasladar a mensaxe do seu partido, en lugar de intentar mantelos integrándose nalgunha candidatura municipal da súa formación,” abundou o popular ferrolano a través dun comunicado.
Ademais, incidiu en que “di moito do carácter político” do líder do PSdeG “o feito de que prefira escapar que afrontar unha realidade determinada por moi adversa que sexa”. “Non é a mellor condición que pode ter un político que aspira a gobernar Galicia”, remachou.
Finalmente, Miguel Tellado ironizou con que Besteiro se fixo “un Tomás Gómez a si mesmo, polas malas expectativas do PSOE en Lugo”.











