O “Polo ao Curry” proclámase como a mellor receita deste inverno

Prato gañador
Tres finalistas enfrontáronse onte á noite na final do certame gastronómico organizado pola Fábrica de Santa Cristina e patrocinado por Makro. Ao máis puro estilo MasterChef, presentaron os seus pratos diante do público para someterse á avaliación do xurado. A pesar da gran calidade dos pratos presentados polos outros finalistas, Elena Penado e Juan Carlos Alonso, autor do blog Gastronomía en Verso, a elección decantouse por Marta Páramo, coa súa receita especial de polo ao curry.
O concurso contou cun xurado de excepción formado por Inma Morandeira, presentadora do programa Sopa de Festa da TVG, Victor Blanco, autor do blog gastronómico O Bandullo e Isabel Fraga Blanco, autora do blog La Cocina de Frabisa.
Trátase dunha nova iniciativa do destacado restaurante de Santa Cristina que, dende que foi asumido polo Grupo Carpe Diem, quixo renovar o proxecto cunha aposta pola profesionalización do equipo, a orientación ao cliente, a cociña de calidade e, sobre todo, a aposta de crear un espazo de innovación gastronómica para todos os públicos.
Como recoñecemento, a receita do gañador do concurso incluirase na carta do restaurante e cederase ao gañador unha parte do importe de cada un dos pratos que se consuman.











