O pleno de Carballo aproba a modificación do contrato de mantemento e subministro do alumeado para colocar 300 novos puntos de luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O pleno da corporación aprobou o luns 23 de febreiro a modificación do contrato de “Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo” cos dez votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos tres grupos da oposición. Con este cambio ampliarase o número de puntos de luz do municipio -na actualidade e trala renovación das lámpadas, un total de 7.500- coa colocación de 292 novas luminarias. Por un lado, o obxectivo é incluír unha serie de puntos de luz que non estaban recollidos no contrato pero que se substituíron e se incorporan agora á rede pública; e por outro, os novos focos mellorarán o alumeado de varios parques e espazos públicos de todo o territorio municipal.

Hai que mencionar que Carballo é o primeiro Concello galego que cumpre coa normativa que a Unión Europea fixa para o alumeado público e que persegue mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a diminución de gases de efecto invernadoiro e limitar o resplandor nocturno e a contaminación lumínica. A redución do consumo eléctrico, despois dos primeiros meses de balance co novo sistema implantado pola concesionaria, a UTE Ferroser-Ferrovial, cífrase nun 80 por cento, o que suporía unha redución na factura duns 150.000 euros ao ano. Así mesmo, hai que mencionar que dende a substitución por LED téñense reducido notablemente os avisos por avarías e incidencias. Texto: O segundo punto da orde do día supuxo o visto e prace por unanimidade da conta de recadación do exercicio 2014.

O Concello conta cunha media dun 90 por cento de eficiencia na recadación no período voluntario de cobro. A única excepción é a taxa por venda na feira da Milagrosa, na que o índice é dun 78 por cento. Por último, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da lei 15/2010 de medidas conta a morosidade, relativo ao cuarto trimestre de 2014. Dentro do período legal de pago o Concello de Carballo realizou un total de 1026 pagos por un importe de 2.938.188,55 euros cunha media de 26,3 días. Fóra do período legal realizáronse 125 pagos por un importe de 500.657,65 euros, e cunha media de 22,55 días. Houbo un total de 41 operacións pendentes de pago a final de trimestre por 133.245,32 euros. E dentro do período legal a final do trimestre téñense realizado 464 pagos por un importe de 887.052,88 euros cunha media de 19,15 días. Finalmente, quedaron fóra de recoñecemento 11.667,24 euros.

Paseo do Anllóns

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse pola actuación para mellorar e acondicionar o Paseo do Anllóns. Precisamente esta semana comezaron os traballos de mellora, financiados con cargo ao remanente de tesourería de 2014, e que suporán o arranxo dos desperfectos causados polos desbordamentos dos últimos invernos, así como o substitución das lousas por un firme de zahorra, moito máis accesible e cómodo para correr, camiñar ou mesmo andar en bicicleta. A tardanza no comezo dos traballos debeuse ao atraso na emisión do permiso correspondente por parte de Augas de Galicia.

24 de febreiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.