O pleno de Carballo apoia a aprobación provisional do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Pleno de Carballo

Pleno de Carballo

Nun pleno extraordinario de pouco máis dunha hora de duración celebrado o luns 2 de febreiro, a corporación carballesa apoiou de forma unánime a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo. Despois de once anos de tramitación, do traballo de tres concelleiros na área de Urbanismo -Manuel Andrade, de TEGA; José Antonio Viña, do PSOE; e Milagros Lantes, do BNG-, do estudo de preto de dúas mil alegacións revisadas en 32 comisións de Urbanismo e dun total de 47 xuntanzas de representantes de todos os grupos políticos da corporación, finalmente os 12 tomos e 30 quilos de documentación recollidos no PXOM serán remitidos á Xunta para a súa aprobación definitiva, despois dunha sesión que podería definirse como histórica pola transcendencia do seu acordo.

A Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, foi a encargada de expoñer o traballo realizado para elaborar o plan final, un PXOM que cualifica como “un documento enriquecido, pulido e mellorado coas achegas de todos”, xa que Lantes subliña que “non é o plan que faría o PP, pero tampouco o que faría o PSOE, nin Terra Galega, nin o plan que faría o BNG”. Ao final “non é o plan de ninguén”, explica Lantes, “porque é o plan que fixemos entre todos”. Na mesma liña expresou o seu parecer o voceiro do PSOE, José Antonio Viña, e aínda que os líderes de PP e TEGA, Miguel Ferreiro e Manuel Andrade, realizaron un discurso crítico para cos contidos e o proceso de elaboración do plan, finalmente todos os concelleiros da corporación votaron a favor.

O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou ao remate da sesión que esta aprobación por unanimidade “é unha boa noticia para Carballo”. Agora será a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a que, nun prazo máximo de dous meses, tramite a aprobación definitiva do PXOM ou impoña novas condicións. Desta forma, o Concello deixaría de rexerse polas normas subsidiarias dos anos 80, en vigor dende a ratificación en novembro de 2011 da anulación por sentenza do 1 de marzo de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do PXOM aprobado en maio de 2003.

3 de febreiro de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.