O Pleno da Deputación de Pontevedra adxudica por 6,5 millóns de euros o proxecto depoGAP
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade a adxudicación do desenvolvemento do proxecto depoGAP á UTE INDRA SISTEMAS, S. A. – ALTIA CONSULTORES, S. A. – R CABLE Y TELECOMUNICACIONES GALICIA, S. A. por un importe de 6,5 millóns de euros, dos cales o 70 % está financiado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través dos fondos FEDER. O traballo ten un prazo de execución de 6 meses.
Pola súa banda, na Xunta de Goberno adxudicóuselle á consultora Idom, por 363.000 euros, o contrato da oficina de seguimento, control técnico e de calidade do proxecto depoGAP: xestión de activos na provincia de Pontevedra.
O proxecto depoGAP consiste en auditar e inventariar por medios electrónicos os bens da provincia. Ten como obxectivos: dotar os concellos de información interna que permita optimizar a xestión dos seus activos e axude na toma de decisións; fomentar a participación cidadá; e adquirir o coñecemento necesario sobre eficiencia enerxética para diminuír o gasto enerxético e o impacto ambiental mediante o uso eficiente dos activos públicos.
Entre as actuacións incluídas no proxecto figuran:
– Realizar un inventario de activos dos concellos da provincia (menos de Pontevedra e Vigo) e da propia Deputación
– Dotar unha plataforma tecnolóxica para a xestión deses activos, que permita explotar esa información e realizar unha xestión centralizada destes
– Desenvolver probas piloto de eficiencia enerxética
O inventario de activos provinciais incluirá:
| Activo | |
|---|---|
| Edificios administrativos | Iluminación pública (puntos de luz, cadros eléctricos, etc.) |
| Edificios culturais e cívicos | Redes eléctricas |
| Centros sanitarios | Redes de gas |
| Centros docentes | Redes de telecomunicacións |
| Centros asistenciais | Vertedoiros e puntos limpos |
| Tanatorios | Contenerización |
| Cemiterios | Vehículos |
| Matadoiros | Semoventes |
| Parques | Dereitos reais e revertibles |
| Instalacións deportivas | Mobiliario urbano |
| Redes de abastecemento e saneamento (canalizacións) | Bens mobles históricos |
| Estacións de tratamento de auga potable (ETAP) | Valores mobiliarios |
| Estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) | Créditos e dereitos persoais a favor do Concello |
| Rede de vías públicas |
Pola súa banda, a plataforma loxística ten por obxecto crear:
– Unha plataforma para xestionar os activos provinciais que permita explotar e manter a información de xeito unificado
– Un cadro de mando que lles facilite a toma de decisións ós alcaldes e asesores
– Un portal de participación cidadá para fomentar a participación e comunicación do cidadán coa Administración para poder realizar as seguintes accións:
*Acceder a información de dominio público sobre cuestións relativas ós activos municipais
*Buscar información sobre activos públicos
*Integrarse con redes sociais
*Interactuar coa Administración na solución de incidencias. O portal permitirá:
>Enviar incidencias tales coma redes de auga, saneamento, iluminación pública, limpeza e xestión de residuos, parques e xardíns, mobiliario urbano, etc. Enviar suxestións e ampliación de información
>Unha aplicación para dispositivos móbiles para que os cidadáns poidan consultar información dos activos ou enviar incidencias en tempo real
Finalmente, as probas de eficiencia enerxética serán realizadas en:
– Iluminación pública exterior, consistorios e Deputación
– Eficiencia enerxética e ambiental en instalacións deportivas
– Planta de tratamento para a optimización enerxética e ambiental da xestión de lodos das depuradoras
– Sensibilización e uso eficiente da enerxía nos fogares (inicialmente, como proba, en 200 fogares da provincia)











