O pleno da Deputación da Coruña aprobará o venres os proxectos do POS2015 dotados con 24,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña reunirase este venres para aprobar, entre outras cuestións, a relación de obras e proxectos incluídos no Plan Provincial de Obras e Servizos para este ano, dotado cun total de 24,2 millóns de euros. Esta cantidade é aportada integramente pola institución provincial a través dos seus fondos propios.

Os municipios da provincia, unha vez coñecido o importe que lle corresponde a cada un, son os que establecen a qué dedicarán os cartos, xa sexa a investimento, a gasto corrente ou a amortización de débeda. Neste exercicio, as porcentaxes fixadas nas bases foron un 40% máximo para gasto corrente ou débeda e un 60% para investimentos ou obras.

Dos 93 concellos da provincia, 26 destinan toda a súa achega a obras e investimentos, mentres que os demais reservan cartos para gasto corrente. Ningún utiliza este ano os fondos do POS para amortizar a súa débeda financeira.

No que se refire ás cantidades, 19.298.992,68 euros (o 79,75% do importe do plan) irán destinados a obras, mentres que 4.901.007,26 servirán para sufragar gastos correntes nos concellos.

26 de febreiro de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.