O plan de igualdade de Ferrol centrarase en oito áreas que englobarán máis dun centenar de accións
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou esta mañá o III Plan de Igualdade do Concello de Ferrol” para o vindeiro cuadrienio 2015-2019, que conta coa aprobación do Pleno. A edil ferrolá explicou que o punto de partida deste documento foi a análise e avaliación do anterior plan “o que nos deu a información precisa de onde se debe intervir”. Ao respecto, sinalou o cambio de estrutura do mesmo que se diferencia por Áreas de intervención en vez de por idades.
Casal Míguez destacou que o III Plan de Igualdade do Concello de Ferrol “é unha ferramenta ao servizo da cidadanía realizada pola propia cidadanía”, ao tempo que apuntou que o documento “vertebra o principio de igualdade de oportunidade e non discriminación”. Neste senso, explicou que os seus obxectivos son a introducción da transversalidade de xénero na Administración Local e o fomento da participación igualitaria da comunidade na vida pública e privada da cidade para unha mellor calidade de vida desta. A edil Verónica Casal destacou o compromiso do Goberno Municipal coa igualdade de xénero e a colaboración da sociedade ferrolán para consolidar o III Plan de Igualdade “que recolle todas as accións necesarias para reducir as desigualdades existentes entre mulleres e homes e construír unha sociedade xusta, igualitaria e non discriminatoria”. Ao fío disto, a concelleira de Igualdade agradeceu a colaboración directa de diversos colectivos sociais e de profesionais de distintos ámbitos así como as propostas dos diferentes grupos municipais para a elaboración deste plan.
As liñas estratéxicas sobre as que se asenta o III Plan de Igualdade do Concello de Ferrol son a transversalidade, as accións positivas, a participación, a diversidade, o empoderamento e a gobernanza local para a igualdade. Un total de 117 accións e 23 obxectivos compoñen este documento que se centra nas seguintes oito áreas: transversalidade de xénero na xestión da Administración local; coeducación; prevención e atención integral da violencia de xénero; saúde; deportes; formación e emprego; conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e de participación social e sensibilización cidadá. Ao respecto, a edil Verónica Casal salientou o reforzo en coeducación e conciliación “xa que é moi importante a aposta pola educación dende a infancia”.
Accións máis destacadas
Entre as medidas que se establecen neste III Plan destacan a creación dunha Comisión Técnica de Igualdade para a execución, seguimento e avaliación do mesmo; a creación dun Consello Sectorial de Igualdade; a formación continua e homologada; ou a creación dun programa formativo específico para o profesorado na detección e prevención da violencia de xénero.
Este III Plan de Igualdade do Concello de Ferrol tamén fcontampla a instalación informática de ferramentas lingüísticas que favorezan o uso dunha linguaxe non sexista nas instalacións municipais; a creación dun observatorio municipal de igualdade e publicidade non sexista; a elaboración dun protocolo de actuación para casos concretos de discriminación e violencia de xénero no ámbito escolar; ou a posta en marcha dunha guía para a detección das novas formas de violencia de xénero no contexto dixital.











