publicidade hoxe

O Plan de conservación da lagoa da Frouxeira será aprobado nos vindeiros días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaValdoviño
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Valdoviño

Ethel Vázquez na visita a Valdoviño

O Plan de conservación da lagoa da Frouxeira será aprobado nos próximos días polo Consello da Xunta, tratándose dun documento necesario para garantir a súa protección. Así o adiantou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que visitou hoxe a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, co gallo da conmemoración do Día Mundial dos Humedais. Neste acto tamén estiveron presentes a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e o alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo Lago.

A lagoa de Valdoviño, que constitúe un dos cinco humedais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación.

Ethel Vázquez explicou que a Xunta, consciente do seu interese ecolóxico, da súa significación e do seu atractivo, vén desenvolvendo accións para a súa preservación e posta en valor. Nos últimos meses o Goberno galego está a traballar no deseño dun Plan de conservación específico da lagoa e o areal de Valdoviño, que se converterá no primeiro para un humidal protexido que se aprobe en Galicia.

Este documento de planificación establece un protocolo de actuación para evitar a ruptura violenta da barreira natural da lagoa, coa apertura dunha canle temporal que reproduce a canle natural de desaugue e que minimiza o risco de afección neste espazo, nos seus hábitats e nas persoas.

A titular de Territorio precisou que o obxectivo último do texto é dotar o humedal de Valdoviño dunha ferramenta de planificación axeitada dos seus recursos naturais, que recolla normas de uso e de aproveitamento do que constitúe un espazo protexido único na comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que a importancia desta contorna radica, fundamentalmente, na presenza de hábitats naturais de especial relevancia e no número de especies de flora e fauna protexidas tanto por tratados internacionais, como pola normativa europea, estatal e autonómica.

Día dos Humedais

Ethel Vázquez visitou hoxe a lagoa da Frouxeira nunha xornada na que se conmemora o Día Mundial dos Humedais, cuxo lema desta edición é Humedais para o noso futuro, co fin de concienciar sobre a transcendencia que estes espazos naturais teñen no porvir de toda a humanidade.

Os humedais son as extensións de marismas, pantanos e turbeiras ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que os cidadáns temos a obriga de seguir contribuíndo ao recoñecemento destes recursos naturais, inculcando nos máis novos o respecto polo medio, pola diversidade e por un uso sustentable do noso territorio. Neste sentido, hoxe a lagoa de Valdoviño acolle unha actividade divulgativa para dar a coñecer este espazo a un grupo de rapaces.

A comunidade galega posúe unha gran riqueza natural e paisaxística que se traduce nas máis de 1.000 zonas húmidas recollidas no Inventario de Humedais de Galicia, contando ademais con 5 humedais protexidos declarados como Sitio Ramsar, que ocupan unha superficie aproximada de 8.000 hectáreas. Estas áreas protexidas son a Ría de Ribadeo, Ría de Ortigueira -Ladrido, Lagoa e areal de Valdoviño, Complexo de Corrubedo e Complexo intermareal Umia – O Grove.

2 de febreiro de 2015 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.