O piragüismo galego reina nos galardóns nacionais

Piña, Villanueva, Alonso e Isorna tras recoller os galardóns
Os galegos foron os protagonistas da gala do piragüismo español celebrada en Avilés (Asturias). O Kayak Tudense, como mellor club, o Fluvial O Barco, que logrou dous terceiros postos noutras tantas modalidades, o Cidade de Pontevedra, Iván Alonso, como mellor palista de 2015, e Manuel Isorna, cunha mención especial aos valores deportivos e polo seu labor na difusión desta modalidade deportiva, foron os que recibiron os seus galardóns.
O Kayak Tudense volveu demostrar a súa fortaleza. Gañou a prestixiosa Liga Olímpica de Pista Hernando Calleja, unha competición na que se premia a regularidade en cinco regatas ao longo da tempada. Tamén se levou para as súas vitrinas a Copa do Rei, o Campionato de España de inverno, conquistado en Sevilla por novena vez de forma consecutiva, e o subcampionato de verán.
Diego Piña, vicepresidente do club, sinalou que “é un recoñecemento importante, gañado no auga e competindo, que é a nosa paixón e polo que loitamos todos os días”. O tamén palista internacional sinalou que “estes títulos dannos máis forza para continuar por este camiño”. Diego Piña recalcou que “temos moitos desafíos para a actual tempada, pero o importante é o traballo diario e constante”.
O Cidade de Pontevedra logrou o terceiro posto na Liga Nacional de Novas Promesas. Miguel Ángel Villanueva, o seu adestrador, foi o que recolleu o trofeo e sinalou que “é o premio ao traballo que se realiza coa nosa canteira. É un orgullo e anímanos a seguir nesta senda para o futuro”. O técnico sinalou que “as nosas aspiracións son as de mellorar os resultados na actual tempada”.
O Club Fluvial O Barco logrou o terceiro posto na Liga Nacional Máster e tamén a Liga de Descenso de Augas Bravas. Na primeira delas non puido superar aos seus rivais madrileños, mentres na segunda atopouse cos adversarios vascos. O Club Fluvial O Barco volveu demostrar unha tempada máis que se atopa entre os mellores destas especialidades.
Iván Alonso recibiu o trofeo como mellor palista de 2014. Gañou catro medallas internacionais durante a tempada, dúas no Mundial e outras tantas no Campionato de Europa de maratón. O tudense reiterou que “foi unha boa campaña, pero quédame algún reto por cumprir”. Insistiu en que “os rivais tamén apertan e o maratón é unha especialidade moi esixente. Hai que traballar moi duro”.
Iván Alonso ten xa marcadas as súas citas no calendario para o presente ano. O Campionato de España e de novo o Mundial e o europeo figuran dentro das súas prioridades. Respecto diso indicou que “sempre saio a gañar. Pero cada vez hai máis competencia. Espero estar entre os primeiros, pero non será sinxelo”. O palista do Kayak Tudense xa leva varios meses de adestramentos e fai unhas semanas logrou o segundo posto na Regata de Río Negro, unha das máis esixentes do calendario internacional xa que ten un percorrido próximo aos 300 quilómetros.
Manuel Isorna, adestrador do As Torres Romaría Viquinga, foi distinguido pola súa traxectoria e valores na promoción e difusión do piragüismo. O técnico sentiuse emocionado e sinalou que “é un recoñecemento tamén a todos os adestradores que coñezo. Eles abríronme o corazón e aprendín moitas cousas deles”. Tamén tivo palabras para o seu club, “que me axudou a crecer como persoa e tamén como adestrador”.
Tamén se tivo en conta o seu traballo para a organización do Congreso Internacional de Adestradores que se celebra en Catoira cada dous anos e que logra reunir aos mellores especialistas. Profesor universitario, Manuel Isorna tamén escribiu un libro no que explica moitas das claves sobre os adestramentos no piragüismo. Dentro duns meses sairá a versión en español desta publicación.
A gala do piragüismo español tamén recoñeceu o labor da empresa viguesa Amura, que leva máis de vinte anos como copatrocinador da Federación Española de Piragüismo. É a proveedora oficial da roupa deportiva dos palistas e tamén de numerosos clubs.











