O Patrimonio da Deputación da Coruña atraeu a 114.000 persoas ao longo do ano 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os edificios e monumentos patrimoniais da Deputación da Coruña atraeron en 2014 a 114.312 persoas. Entre eles, o que máis é o Mosteiro de Caaveiro, na Capela, que chegou a superar os 50.000 visitantes. Preto de 60.000 persoas, en cambio, acudiron á Costa da Morte para coñecer algún dos monumentos cos que a institución conta nesta comarca. Entre todos eles destaca o Castelo de Vimianzo, que suma 21.765 visitas ao longo do pasado ano. Séguelle o Ecomuseo Forno do Forte con 18.949.

Pola súa banda, o Dolmen de Dombate alcanzou os 11.631 que solicitaron servizo de guía. É dicir, que nesta cifra non están incluídas as persoas que poden acceder libremente ao recinto. As Torres do Allo e os Batáns de Mosquetín recibiron 2.557 e 2.047 visitantes, respectivamente, todos eles con servizo de guía e durante o segundo semestre do ano.

Xa na comarca coruñesa, o Pazo de Mariñán o pasado ano chegou aos 7.336 turistas, dos que 5.188 accederon libremente e outros 2.148 a través do servizo de guía que ofrece a Deputación da Coruña. A este resultado habería que sumar ademais, todos aqueles visitantes que acudiron ás distintas xornadas celebradas no edificio provincial.

Éxito nas fragas do Eume

O Mosteiro de Caaveiro segue a ser o buque insignia do Patrimonio da Deputación. Neste sentido os meses de máis éxito foron os de verán, especialmente agosto, cando se contabilizaron 6.748 visitantes libres e outros 4.185 que solicitaron o servizo de guía gratuíto. En xullo superáronse os 8.000 turistas, 5.375 independentes e outros 2.672 guiados polo persoal que traballou neste servizo.

En total, o mosteiro situado no enclave único das Fragas do Eume, alcanzou este ano as 50.027 visitas, a gran maioría non guiadas (40.338) fronte as 9.689 persoas que solicitaron o servizo de guía.

A entrada a todos os monumentos provinciais é gratuíta, así como os servizos de guía que se ofrece a través de distintas asociacións ou convenios cos concellos onde se atopa algún dos edificios.

Ademais, a Deputación vén de editar un vídeo para a promoción do patrimonio que foi presentado na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) e que xa pode verse na nosa páxina web www.dicoruna.es

9 de febreiro de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.