O Parlamento apoio por unanimidade aos traballadores de HP da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa en apoio aos traballadores de Hewlett-Packard (HP) da Coruña, afectados pola adxudicación realizada por Abanca a Prosegur para que realice os servizos administrativos e de telemercadotecnia que viña levando a cabo esta empresa.

Así, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, presentou esta proposta de apoio aos traballadores, á que se aceptou unha emenda do PPdeG -apoiada tamén por PSdeG e AGE- para instar á Xunta a que medie entre Abanca, HP e Prosegur para abrir “vías de diálogo” que “leven a acordos beneficiosos para todas as partes”, que “permitan garantir o emprego e os dereitos dos traballadores”.

Ata a data, Hewlett-Packard xestionou asuntos administrativos e telemercadotecnia para Abanca, pero a finais de 2014 a entidade financeira adxudicou estes servizos á empresa Prosegur. HP conta con dous centros de traballo na Coruña: un no polígono da Grela, con 220 traballadores, e outro no polígono de Pocomaco, con 135 traballadores. Así, tras a presión dos empregados, Prosegur comprometeuse a subrogar estes traballadores.

Ao respecto, Jorquera explicou que cando se presentou esta iniciativa aínda non se garantira esta subrogación por parte de Prosegur, pero cre que esta proposición non de lei “segue tendo sentido” co fin de que “non haxa mingua” nos dereitos dos traballadores. Ademais, ao BNG le “preocupa” o proceso de externalización “masiva” de servizos bancarios que “ten unha incidencia moi negativa” na calidade do emprego”.

EMENDA DO PP

Sobre esta cuestión, o deputado popular Miguel Tellado explicou que “todo parece indicar” que a situación está en vías de “solución” despois do “compromiso” de Prosegur para subrogar todo o persoal de HP, que garantiu “as condicións laborais” actuais cos traballadores dos dous centros de traballo na Coruña.

Con todo, os populares ven con bos ollos mostrar ese apoio expreso aos traballadores, aínda que Tellado dixo non poder aceptar unha frase na proposta inicial do BNG, porque “a Xunta non pode garantir” as actuais condicións laborais, pois é unha cuestión das empresas. Por iso, aprobouse finalmente o texto emendado co achegado polo PP para que o labor do Goberno galego sexa de mediador.

AGE E PSOE

Pola súa banda, o deputado de AGE Juan Fajardo indicou que “a raíz do problema” neste caso “é a normativa laboral” que “non obriga a unha subrogación”, senón que este conflito “só” se solucionou “pola presión dos traballadores”.

Neste sentido, o deputado socialista Juan Carlos González Santín considera que o “conflito vai por bo camiño”, pero recorda que Abanca “non é unha entidade calquera”, senón que “custou a todos os galegos 9.000 millóns de euros”, polo que cre que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “ten que asumir un compromiso con estes traballadores”.

6 de febreiro de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.