O MIHL inaugura mañá a exposición “Nosotros” do arquitecto Carlos Montero
O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle mañá a inauguración da exposición Nosotros do arquitecto e pintor lucense Carlos Montero ás 20 horas e que recolle as súas mellores obras do que se ten definido como realimos fantástico e como expresionismo.
A súa obra pictórica céntrase moi fundamentalmente na xente, nas persoas en grupo, cunha visión fortemente humorística, ás veces agre e ás veces doce e cunha robustez que pode dicirse expresionista, capaz de implicarnos e abalarnos coas escenas nas que as persoas se relacionan de moitas maneiras que van dende o ridículo ata a emoción máis conmovedora. Os cadros de Carlos Montero teñen unha certa propiedade hipnótica que captura a atención e nos obriga a mirar figura a figura, detalle a detalle, procurando todos os compoñentes e todas as relacións entre os personaxes e as cousas
A ollada do artista é asemade irónica e amorosa, paradoxal e integradora e as súas personaxes son extraídos de lugares normales nos que discurre a vida e el transfórmaos cun aire cómico-grotesco pero sen deixar de ser humanos.
Trátase dunha pintura fortemente narrativa, unha pintura que conta historias ás veces complexas, historias que o espectador recibe nun golpe de vista e vai despois desentrañando fragmento a fragmento nunha contemplación demorada.











