O Mercado do Cocido de Lalín recibe máis de 150 solicitudes para participar como expositor
O Mercado do Cocido, unha cita que complementa á Feira do Cocido de Lalín, terá lugar na Praza da Igrexa, o sábado 7 e o domingo 8 de febreiro, procurando ser mostra da produtividade alimentaria e cultural, do deseño, da moda, do artesanato, dos complementos e da creatividade.
Un total de corenta expositores dos que a metade proceden de Lalín e da Comarca do Deza (entre outros: Embutidos Lalinense, Pazo de Anzuxao, Queixos Ovilaga, Soy Presumida, Planeta Tres Zetas, Vanesa Insaurralde, Casa do Patrón, Mel O Testeiro, Ultra_Alimento, Pousa Licores de Galicia, Asociación do Pan de Lalín, Vanessadas, Libraría Vagalume, Casa da Xorxa…) e o resto de diferentes puntos de Galicia e mesmo representantes de Portugal (entre outros Aceites Abril -patrocinador da Feira do Cocido-, Tucafé, OZOCOgz, The retro vintage, Artesave, Alfarería Faya, Noga Art`s…).
Nestes corenta expositores estará representada a diversidade, a representatividade, a visibilidade dos máis puxantes sectores da nosa economía, da arte e da industria agroalimentaria. Así o explicou o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, na presentación da Feira do Cocido que tivo lugar esta mañá na Aula Gastronómica da Praza de Abastos de Santiago, na última das presentacións antes do Día Grande da Feira, o vindeiro domingo 8 de febreiro.
Por razóns de espazo houbo que descartar a máis de cen solicitantes que non acadaron os criterios de selección nos que primaban a procedencia de Lalín e Comarca, a industria agroalimentaria, a carta de artesán e a representatividade por sectores, entre outros.
Como novidade respecto a anos anteriores, a carpa que acollerá o Mercado do Cocido contará cunha coidada estética na que destacan grandes fotografías nas que se proxecta o máis salientable dos recursos turísticos, económicos e do patrimonio cultural lalinense; ademais de desenvolver actividades dentro da carpa como encontros profesionais, degustacións, exposicións, obradoiros, presentacións e espectáculos.
O obxectivo do Mercado do Cocido que organiza o Concello de Lalín a través das Concellerías de Actividade Económica, Comercio e Emprego e de Turismo, en colaboración co GDR Terras de Deza, a través do programa de promoción da dieta atlántica da Consellería de Sanidade “Xente con vida”, é servir de escaparate á excelencia dos pequenos e medianos produtores agroalimentarios, ó compromiso da calidade, o talento, a creatividade, a economía de proximidade… aproveitando a principal cita gastronómica da invernía do noso país.
CATRO EXPOSICIÓNS CON ENTRADA LIBRE
Unha oferta expositiva de primeiro nivel
Catro exposicións de diferente carácter e temática poderán ser visitadas, con entrada libre, durante toda a fin de semana do Cocido. No xardín da Igrexa instalarase unha macro exposición de fotografía, que recibiu o segundo premio Foto Press, o máis prestixioso certame de fotógrafos de prensa de España.
Trátase da selección Tour de France. Paisaxes dende o arcén, son 21 paneis en formato de 3,5 x 2 metros, obra de Francis Tsang, que realizou o seguimento da máis importante carreira ciclista do mundo para enfocar non só o esforzo das grandes figuras dese deporte, senón a ollada ás multitudes que acompañan esa dura especialidade deportiva. Esta exposición conta coa colaboración do evento artístico Proxecta.
No interior da carpa do Mercado, instalarase unha antoloxía fotográfica dos principais recursos económicos, patrimoniais e culturais de Lalín. Son vinte e seis paneis fotográficos de gran tamaño que achegan unha ampla visión da mellor cara deste Concello, no que pazos, igrexas, museos, produtos alimentares, moda ou paisaxes amosan as potencialidades e a excelencia lalinenses.
No lateral da Carpa do Cocido, o debuxante e caricaturista Gogue, colga unhas quince obras das súas personaxes Floreano, Monchiña, e o cura don Ramón; unha mostra de humorismo gráfico que ademais de facer rir, procura render tributo á memoria do acontecido na redacción do semanario Charlie Hebdò.
Na Praza de Abastos pode verse a exposición Personaxes de Lalín, na que unha ducia de protagonistas da vida cultural, económica e social deste concello son obxecto de agarimosa lembranza e recoñecemento por parte do Concello de Lalín.











