O Luís Seoane acolle unha charla sobre a utilidade da lingua galega de Marcos Maceiras
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza mañá 24 de febreiro, a partir das 12 horas no IES Luís Seoane, unha conferencia sobre a utilidade da lingua galega impartida por Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola normalización lingüística, e dirixida ao alumnado do ciclo de administración e comercio do centro de ensino de Monte Porreiro.
Durante a súa intervención Marcos Maceiras, actual presidente da asociación pola defensa da lingua A Mesa, abordará dous temas moi relacionados coa formación do alumnado: “O galego e a empresa. Unha empresa de todas e todos” e “Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa”. Participarán na actividade oitenta e cinco alumnos e alumnas do ciclo de administración e comercio do IES Luís Seoane.
Ao longo de dúas horas, Marcos Maceiras abordará as oportunidades que ofrece o uso da lingua galega para as empresas, sinalando algúns casos de boas prácticas de uso do noso idioma no sector. Analizarase a falta de normalización da lingua galega para o exercicio dos dereitos lingüísticos, as potencialidades do galego no ámbito empresarial e a importancia das escollas lingüísticas. A segunda parte da conferencia centrarase nas vantaxes do uso da lingua galega de cara a facilitar a comunicación nos países de fala portuguesa.
Esta conferencia encádrase dentro da programación que a Concellaría de Normalización Lingüística desenvolve en colaboración cos equipos de normalización e dinamización da lingua galega nos centros de ensino do concello. Esta programación está especialmente dirixida á mocidade, para promover un maior uso da lingua galega neste sector da sociedade, fundamental opara o futuro da lingua.











