O letrado da Catedral ve fundamentada a sentenza polo roubo do Códice
O avogado da Catedral de Santiago, José Antonio Montero, asegurou que a sentenza que condena a José Manuel Fernández Castiñeiras a 10 anos de prisión pola subtracción do Códice Calixtino e de diñeiro da basílica compostelana está “moi ben fundamentada” e considerou que “recolle no básico” as súas formulacións como acusación particular.
En declaracións tras coñecer este mediodía a sentenza da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Montero eloxiou un auto que cualifica de “estudado”, “moi claro” e “moi fundamentado xuridicamente”.
Neste sentido, considera que a argumentación do auto “se acomoda á realidade dos feitos” e “recolle no básico” as formulacións da súa acusación, polo que se mostrou conforme coa pena tanto para Fernández Castiñeiras coma para a súa muller.
No seu informe final, no que mantivo as peticións iniciais de condena, o letrado xa formulou as súas “dúbidas con respecto ás acusacións tanto da muller como do fillo” de Castiñeiras, recordou este mércores, polo que tamén se mostrou conforme á absolución do fillo do exelectricista e a condena de seis meses para a muller.
PUNTOS DISCREPANTES
Nos puntos discrepantes, José Antonio Montero recordou que a sentenza non recoñece os “delitos contra a intimidade” do exdeán, José María Díaz, que pedía a acusación. Sobre esta cuestión, o letrado indicou que o exdeán “non recoñeceu” no acto de xuízo as cartas persoais, aínda que na súa opinión si existiu vulneración da intimidade.
Así mesmo, o tribunal “non aprecia abuso de confianza”, que se considera que existiu a acusación, aínda que isto é “unha cuestión de valoración técnica”. Tamén no ámbito da “interpretación” sitúa Montero a cualificación da subtracción do Códice como furto, que a acusación considera “roubo”. “O tribunal entende que non está ao 100 por cento acreditado que a porta estivese aberta ou pechada”, explicou.











