O goberno de Nigrán proporá ao pleno a adhesión á Central de Contratación da FEMP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

A comisión informativa celebrada hoxe deu luz verde á proposta do goberno municipal de adherirse á Central de Contratación da FEMP, cos votos a favor do grupo popular e as abstencións do PSOE e o grupo mixto. A adhesión a este novo servizo da FEMP permitirá ao concello contratar obras, servizos e suministros ofertados a través desta central, subscribíndose ás condicións e prezos dos acordos marco establecidos entre dita central e as empresas adxudicatarias.

A central de compras da FEMP será un instrumento útil para a administración local, e ten como obxectivo principal facilitar a contratación de obras, servizos e suministros aos concellos, permitindo aforro de custos, a minoración de tempos de adquisición, e a simplificación da súa tramitación.

“Con este novo servizo preténdese conseguir unha maior eficacia na actividade contractual, tanto desde o punto de vista de xestión, como desde un punto de vista económico, xa que se poderán obter unhas condicións económicas máis vantaxosas, especialmente no caso de grandes subministracións como a electricidade, o gasóleo ou as telecomunicacións”, apunta o alcalde, Alberto Valverde.

Neste sentido, o rexedor lembra que a adhesión a esta nova plataforma da FEMP non supón en ningún caso a obrigación de efectuar todas as contratacións a través desta central, “senón tan só unha nova ferramenta á que a administración local poderá acceder para contratar obras, servizos e suministros, a condición de que as condicións sexan mellores que a través doutras canles”, conclúe.

 

19 de febreiro de 2015 | 20:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.