O goberno de Ferrol licita o proxecto para a mellora da accesibilidade en diferentes zonas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mesma mañá no Pazo Municipal. Os temas máis relevantes da orde do día centráronse na xuventude, a infancia e o ámbito urbanístico polo que o primeiro edil estivo acompañado polos concelleiros de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación; e de Benestar Social, Guillermo Evia Pérez, e Rosa Martínez Beceiro, respectivamente.

Así as cousas, o Executivo Local deu luz verde esta mañá as bases reguladoras de tres programas dirixidos á mocidade ferrolán: Lidera, Conecta e Conduce. A Concellería de Igualdade e Xuventude, que dirixe Verónica Casal Míguez, repartirá 8.000 euros nos tres premios establecidos en cada unha das oito categorías do certame artístico “Lidera Ferrol”. O rexedor municipal tamén explicou que os programas de axudas á xuventude “Conecta Ferrol” e “Conduce Ferrol” repartirán un total de 100 achegas económicas -con 50 beneficiarios en cada un destes programas- para a adquisición dun ordenador e a obtención do permiso de conducir, respectivamente.

No que atinxe ao ámbito infantil, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases que rexerán as becas de escolas infantís, que se amplía de tal xeito que dende agora estas achegas cubren dende os 0 aos 3 anos. Os beneficiarios son familias que teñan aos seus fillos matriculados en escolas infantís do municipio, sexan da rede Afesín, da Galiña Azul ou da Xunta de Galicia. Ao respecto, Jose Manuel Rey destacou o incremento de axudas directas ás familias, especialmente ás numerosas, pasando de 50 a 60 euros que percibirán polo segundo fillo matriculado e de 60 a 70 euros ao terceiro menor. Tamén recalcou a implantación dun caso específico para partos múltiples que percibirán 60 euros por menor. “Seguimos traballando na mellora de conciliación das familias”, engadiu o alcalde.

Accesibilidade, Inferniño e O Bertón

Por outra banda, e no referido ao ámbito urbanístico da cidade, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación correspondente á contratación da redacción do proxecto para a mellora da accesibilidade de 200 cruces de peóns no municipio ferrolán. O importe da licitación para a redacción do proxecto é de 33.277,17 euros (IVE incluído) e o prazo de redacción é de 3 meses; mentres que a execución do mesmo rondará os 200.000 euros, segundo a reserva orzamentaria feito polo concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia. Esta medida dá cumprimento a un acordo plenario e, trala súa adxudicación, os redactores do proxecto poránse en contacto coas entidades do ámbito da diversidade funcional para consensuar a proposta. Ademais, e segundo explicou o primeiro edil da cidade, nestes momentos a redacción da ordenanza de accesibilidade xa está adxudicada polo que dende o Concello se está traballando en dúas direccións: a mellora das infraestruturas e o cumprimento desta accesibilidade.

Outra das propostas aprobadas esta mañá polo Executivo ferrolá foi adxudicar a redacción do estudo para a modificación puntual do Plan Especial de Reforma Interior do Estadio do Inferniño PE-8. Este proxecto suporá a mellora e a adaptación urbanística deste contorno que inclúe o centro comercial de Porta Nova e o centro cívico Carvalho Calero. E por último, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á recepción das obras de urbanización do Plan parcial PP-1R “O Bertón”. Ao respecto, Jose Manuel Rey destacou que superados todos os trámites, e unha vez que o promotor da actuación -mneste caso a Xunta de Galicia- ten cumprido coa normativa esixida dende o Concello, a Administración ferrolán poderá encargarse do mantemento de zonas verdes, o alumeado e outros servizos nesta zona.

24 de febreiro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.