O goberno de Ferrol adxudica a redacción do proxecto para unha nova conexión viaria entre Santa Mariña e O Ensanche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe dos temas principais abordados na Xunta de Goberno Local celebrada esta maña na Casa Consistorial. Estes son: a solicitude de subvencións á Xunta de Galicia para dous programas de emprego que permitirán incorporar un total de 31 persoas a diferentes áreas do Concello de Ferrol -a maioría delas perceptoras da Renta de Integración Social (Risga)-; e a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución para a construción dunha nova conexión viaria que una os barrios do Ensanche A e Santa Mariña. Na súa comparecencia, o primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; e a concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros.

Así, a Xunta de Goberno Local desta mañá adxudicou á empresa Proyfe a redacción do proxecto básico e de execución para a construción dunha nova conexión viaria que una os barrios do Ensanche A e Santa Mariña. Esta actuación, recollida no proxecto de cidade “Ferrol 2020”, permitirá mellorar a conexión entre barrios e salvar este paso sobre a vía do tren. Así, o Goberno Municipal de Ferrol da un paso máis para levar adiante esta demanda histórica dos veciños e que conta con partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento recollida nos Presupostos Xerais do Estado para a presente anualidade. A redacción do proxecto terá un prazo de catro meses e un importe de 67.034 euros (21% de IVE incluído).

Esta actuación contempla a demolición da actual pasarela e a construción dun novo paso para o tránsito de peóns e a circulación rodada. O proxecto tamén inclúe a contención dos noiros coa construción de paredes de formigón recubrindo as actuais e así evitar desprendimentos, así como a reparación da rúa Loureiro. O plan de actuación contempla que o inicio dos traballos teñan lugar este mesmo ano para completalos ao longo do seguinte. O investimento previsto supera o millón de euros; que financiará o Ministerio de Fomento –a través de ADIF- e o propio Concello de Ferrol no que atinxe a obras de reurbanización do contorno.

Fomento do emprego

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á solicitude da subvención para a contratación de vinte persoas en risco de exclusión social e perceptoras de Risga para reforzar diferentes áreas do Concello de Ferrol. Neste senso, Jose Manuel Rey concretou que serán 4 as persoas que se contratarán no servizo de xardíns, 6 en limpeza, 5 en obras e outras 5 no servizo de organización interna na función de ordenanzas. O período de contratación será de 9 meses, e estas novas incorporacións temporais se sumarán á vintena de persoas que neste momento están contratadas por este programa.

O Executivo local tamén acordou solicitar outro programa de fomento de emprego ao que o Concello de Ferrol se pretende adherir para a contratación de 11 persoas para a Área de Benestar Social. Neste caso, a contratación se realizará en dous programas: apoio a actuación levadas a cabo polas Unidades Básicas de Traballo Social (UBTS) en relación coa infancia, familia e adolescencia, que contará coa incorporación de cinco técnicos; e apoio á convivenza a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con seis persoas.

2 de febreiro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.