O exorganista da Catedral narra o estado de medo que se vivía na basílica tras o roubo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O organista da Catedral de Santiago durante o roubo do Códice Calixtino, Joaquín Francisco Barreira, narrou este luns en sede xudicial as “suspicacias” e o “estado de medo” que se vivía na basílica compostelana tras o roubo do manuscrito medieval.

Barreira compareceu na oitava sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña contra José Manuel Fernández Castiñeiras, a súa muller e o seu fillo polo roubo do Códice Calixtino e de diñeiro da Catedral de Santiago.

A testemuña, requirida pola defensa, era organista da basílica durante o roubo do Códice e foi condenado a catro meses de prisión despois de que a Policía localizase na súa vivenda un facsímile do Calixtino, que recoñeceu que subtraera.

Os axentes localizaron este facsímile no transcurso dun rexistro da súa casa, despois de que o propio organista chamase a Policía para requirir que rexistrasen a súa vivenda, dado que cría que “alguén” podía ter colocado alí o Códice Calixtino.

O home vivía nunha dependencia da Catedral que contaba con acceso a través doutras portas, polo que tiña a sospeita de que outra persoa entrase neste lugar. “Eu declarei que pensaba que unha ou varias persoas podían acceder á miña vivenda”, declarou a testemuña, quen reiterou que “non tiña a completa seguridade” de que “nalgún canto” da súa casa “puidese estar” o Códice. “En aquela época non aparecera o libro que se estaba a buscar e cheguei a ter medo de que iso acontecese”, sentenciou.

A preguntas da Fiscalía, o exorganista recoñeceu que levaba “cinco noites sin durmir” cando chamou á Policía e que se atopaba en “estado de medo”. “Todo este asunto, a todas as persoas que estabamos na Catedral, nos desbordou”, explicou a testemuña, quen sinalou que “existían moitas suspicacias”.

EMPREGO DE COSTUREIRA

Ao igual que na sesión do pasado venres, este luns compareceron tamén en sede xudicial sete testemuñas que, a preguntas da defensa, acreditaron que a muller de Fernández Castiñeiras realizaba distintos traballos como costureira.

As distintas testemuñas acreditaron que a muller cosía en numerosas ocasións tanto para eles coma para familiares e coñecidos, un labor polo que obtiña remuneración. Dúas das declarantes traballaban para unha tenda compostelana para a que a muller cosía roupa, aínda que non estaba dada de alta na Seguridade Social.

“Víaa coser todos os días, mesmo polas noites, dende a ventá”, declarou unha das veciñas, que reiterou que a muller “cosía moito” e tiña “moitos encargos”.

Ademais de acreditar estes ingresos, as testemuñas tamén volveron reiterar que no cuarto onde cosía a muller había “un cortinón groso” e “opaco” que nunca viron aberto. Nesta estanza, na que a muller dixo que non entraba, atopábase supostamente o diñeiro en metálico que Fernández Castiñeiras tiña no seu domicilio e que foi incautado pola Policía.

Finalmente, na primeira sesión da última semana de xuízo declararon dúas testemuñas que acreditaron ser clientes de Fernández Castiñeiras. Os dous homes apuntaron que o principal acusado realizou para eles traballos de electricista durante décadas, polos que cobraba “en efectivo”.

RENUNCIA A TESTEMUÑAS

Na oitava xornada de xuízo estaban citados a declarar ata 17 testemuñas a petición da defensa que, non obstante, renunciou a sete deles. Entre as persoas que finalmente non compareceron estaban estudosos medievalistas e persoal da Catedral.

Tanto á entrada coma á saída dos xulgados, a avogada dos acusados, Carmen Ventoso, reiterou a súa petición de nulidade para todo o proceso, alegando que a detención de Fernández Castiñeiras e os rexistros partiron “unicamente” das gravacións sonoras realizadas no seu domicilio e que foron declaradas nulas polo tribunal.

2 de febreiro de 2015 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.