O equipo “Os Cambotes” gaña a II Supercopa Galega de Raposo
O pasado sábado 31 de xaneiro tivo lugar a II Supercopa Galega de Caza de Raposo, anteriormente Copa España, que se disputou na comarca do Deza, concretamente nos montes de Lalín, Rodeiro e Dozón, estando organizada pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración das Sociedades de Caza da zona.
Nesta Supercopa tomaron saída un total de 40 cuadrillas de caza chegadas de diferentes puntos das catro provincias galegas e que durante a xélida maña tentaron dar caza ao raposo.
A xornada transcorreu sen imprevistos e o número de raposos avistados, en total 74 dos cales 26 foron presentados en control polas distintas cuadrillas. Un bo número de capturas se temos en conta que a xornada estivo moi condicionada pola adversidade climática que afecta a Galicia nestes derradeiros días.
Foi o equipo pontevedrés “Os Cambotes” o que chegou ao control con un total de 4 raposos, feito este que lle reportou o primeiro posto da clasificación xeral e os converteu nos Campións desta II Supercopa Galega de Caza de Raposo. Con 3 raposos (2 machos e 1 femia), situábase en segunda posición o tamén equipo chegado da provincia de Pontevedra “Lanzada 1”. Xa en terceira posición, e tamén con 3 raposos (2 machos e 1 femia), situouse o equipo “Os Ferreiros”.
Unha vez pechado o control, cazadores, guías, xuíces, organización e autoridades desfrutaron dun xantar de irmandade no que se congregaron máis de 500 comensais. Entre as autoridades alí presentes atopábanse os presidentes provinciais da FGC de Ourense e Pontevedra, Antonio García Reinoso e Francisco Couselo Castiñeira respectivamente, Ramón Rodríguez Cobas, delegado da competición de Raposo da FGC e secretario xeral da FGC, o presidente da FGC Javier Nogueira Diz, José Manuel Blanco Cordido presidente da sociedade de caza O Farelo, Rubén Perfecto Quinta Quinta presidente da sociedade de caza de Rodeiro, José Luis Gil Fernández presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Lalín, Almilcar Rodríguez Magallanes presidente da Sociedade de Caza de Dozón, o alcalde de Rodeiro Luis López Diéguez, o alcalde de Lalín José Crespo Iglesias, o xefe de servizo provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra Pablo Caballero Javierre e a Directora Xeral de Conservación da Natureza Verónica Tellado Barcia. Foi a entrega de premios a que puxo o punto e final a esta II Supercopa de Caza de Raposo e que dalgún xeito puxo o colofón e deixa vela proximindade do fin da tempada de caza 2014/2015 en Galicia.